Unha unidade móbil de doazón de sangue achegarase a Narón en tres xornadas ao longo desta semana

O Concello de Narón colabora coa Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos na campaña especial de verán “Un alento de vida” que busca compensar o descenso estival nas doazóns.

Archivo.- Unidade ADOS en Narón

O Concello de Narón súmase un ano máis á campaña especial de doazón de sangue que a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS) desenvolve entre o 15 de xuño e o 31 de agosto baixo o lema «Un alento de vida». O obxectivo é sensibilizar a veciñanza sobre a importancia deste xesto solidario nun período especialmente complicado para cubrir as necesidades dos hospitais galegos, que precisan máis de 400 doazóns diarias para atender a súa actividade asistencial.

Unha unidade móbil de ADOS visitará Narón en tres novas xornadas. O mércores, 12 de agosto, estará situada fronte á asociación de veciños Rosa dos Ventos, en Sedes, das 09:45 ás 12:00 horas. O xoves, 13 de agosto, trasladarase a carón do centro de saúde de Narón, onde permanecerá das 09:30 ás 14:30 horas e das 15:30 ás 21:00 horas. E o venres, 14 de agosto, volverá situarse xunto ao centro de saúde, en horario de tarde, das 15:30 ás 21:00 horas.

Pode doar sangue calquera persoa maior de idade e de ata 70 anos, con máis de 50 quilos de peso e sen antecedentes de enfermidades transmisibles polo sangue. O proceso, que dura entre 5 e 7 minutos, é completamente seguro e
non debilita o organismo do doador.

Dende ADOS lembran que cada doazón pode axudar a máis dun paciente, xa que do sangue extráense tres compoñentes —glóbulos vermellos, plasma e plaquetas— que se empregan por separado para tratar dende intervencións cirúrxicas ata enfermidades oncolóxicas ou grandes queimados.

Para máis información sobre os puntos de doazón, pódese consultar a web ados.sergas.gal ou chamar ao teléfono gratuíto 900 100 828.

Lea también

Narón pon en marcha tres iniciativas de reforzo educativo

As tres propostas, impulsadas polo Servizo Sociocomunitario Municipal, buscan fortalecer as competencias educativas e o …