O venres 14 de agosto o Pazo da Cultura acolle o concerto de Ensemble 100xMILES, homenaxe aos cen anos do nacemento do trompetista. O sábado 15, o Parque do Río Freixeiro e o Mosteiro do Couto serán escenario dunha xornada completa con música internacional, patrimonio e narración oral.
O Jazz de Ría, festival que cada mes de agosto achega propostas de música jazz a Cedeira, Valdoviño, Narón e Neda, chega este ano á súa 10ª edición coa proposta máis internacional da súa historia, cun fío condutor que percorre a conexión entre a tradición galega e unha das figuras fundamentais do jazz do século XX: Miles Davis.
O relato parte da melodía do chifre do afiador ourensán José María Rodríguez, rexistrada por Alan Lomax en Faramontaos (Nogueira de Ramuín) en 1952, e que anos despois inspirou a Davis para compoñer “The Pan Piper”, incluída no seu disco Sketches of Spain. Narón concentrará dúas das citas máis destacadas desta edición, cunha xornada de peche o sábado 15 de agosto con catro concertos de artistas chegados de Palestina, Irlanda, Estados Unidos, Cataluña e Cuba.
Venres 14 de agosto: Ensemble 100xMILES no Pazo da Cultura.
O festival abrirá a súa presenza en Narón co concerto do Ensemble 100xMILES, unha formación creada especificamente para conmemorar o centenario do nacemento de Miles Davis e que reúne a algúns dos músicos galegos máis destacados do jazz e as músicas improvisadas: Ricardo Formoso (trompeta), Pablo Añón (saxo), Iago Mourinho (piano), Simón García (contrabaixo) e Miguel Fernández (batería).
O repertorio baséase principalmente no concerto que Miles Davis ofreceu en 1960 co seu quinteto no Olympia de París, a súa última colaboración co saxofonista John Coltrane, de quen tamén se cumprirán cen anos do nacemento este mes de setembro.
Completarán o programa temas como “Round About Midnight”, “Oleo” —composta por Sonny Rollins— e “So What”, pertencente ao álbum Kind of Blue. As entradas, de balde, poden retirarse desde na billeteira do Pazo da Cultura de Narón (de luns a venres, de 9.00 a 14.00 horas) ou chamando ao teléfono 981 102 897.
Sábado 15 de agosto: unha xornada arredor da memoria e o relato.
O sábado, Narón acolle a xornada máis extensa da presenza do festival na cidade, cunha proposta pola mañá centrada na orixe da historia e catro concertos pola tarde e a noite no Parque do Río Freixeiro.
11.00 horas — Visita guiada ao Mosteiro do Couto.
O historiador Benjamín Hermida guiará un percorrido polo Mosteiro de San Martiño de Xuvia, coñecido como Mosteiro do Couto, un enclave de gran valor patrimonial situado a escasos metros da ría e ligado ao Camiño Inglés. A visita permitirá coñecer a súa arquitectura, a súa relevancia histórica e o legado dun lugar que atravesa máis de mil anos de historia da comarca. Require inscrición previa a través do formulario dispoñible na web do festival.
12.30 h — Quico Cadaval, «O eco do chifre».
No propio Mosteiro do Couto, o actor, director e narrador oral Quico Cadaval —un dos grandes referentes da escena galega— converterá nunha peza de narración oral a anécdota que une o chifre do afiador ourensán José María Rodríguez coa inspiración de Miles Davis, cun exercicio que el mesmo describe como un improviso jazzístico sen máis instrumento que a memoria, a imaxinación e a elocuencia.
19.00 horas — Sara Dowling meets Michael Kanan Trio (Palestina/Irlanda – Estados Unidos).
A cantante palestina-irlandesa Sara Dowling únese ao trío do estadounidense Michael Kanan (piano, contrabaixo e batería) para revisitar o repertorio clásico do jazz desde a interacción e a escoita compartida.
20.30 horas — Albert Cirera & Tres Tambors.
Liderado polo saxofonista e compositor catalán Albert Cirera, xunto a Roger Mas (piano), Marko Lohikari (contrabaixo) e Òscar Domènech (batería), o cuarteto presenta o repertorio do seu novo disco, Orangina, cunha linguaxe propia entre estrutura e liberdade que os consolida como unha das propostas máis sólidas do jazz europeo contemporáneo.
22.00 horas — Yosvany Terry Quartet (Cuba).
O saxofonista e compositor cubano Yosvany Terry, que colaborou con artistas como Chick Corea, Gonzalo Rubalcaba, Steve Coleman ou Chucho Valdés, pecha a xornada en Narón cun cuarteto —completado por Miguel «Wiwi» García ao piano, Gastón Joya ao contrabaixo e Rodrigo Ballesteros á batería— que integra as tradicións afro-cubana, oeste-africana e do jazz estadounidense.
Faramontaos 11/52, unha escoita presente en todo o festival.
En todos os espazos do Jazz de Ría, incluídos os de Narón, o público poderá acceder a Faramontaos 11/52, unha pequena acción sonora que permite escoitar, a través de dous códigos QR, a gravación orixinal do toque de chifre de José María Rodríguez recollida por Alan Lomax en 1952 xunto a “The Pan Piper” de Miles Davis, incluída en Sketches of Spain (1960). Unha oportunidade de escoitar unha mesma melodía interpretada en dous contextos xeográficos, culturais e musicais radicalmente distintos.
Toda a información práctica sobre horarios, reservas e retirada de entradas está dispoñible en www.jazzderia.gal e nas redes sociais oficiais do festival. O festival está promovido polo Padroado da Cultura do Concello de Narón e os concellos de Neda, Cedeira e Valdoviño e conta coa colaboración de Turismo da Deputación da Coruña, a Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia e AIEnRuta-Jazz.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
