CPI Atios de Valdoviño representa na casa da Cultura a obra «Lobiño, nin tan malo nin tan feroz»

A función celebrarase no auditorio da casa da cultura ás 17:00 horas.

Tras a súa estrea no teatro Jofre de Ferrol, «Lobiño, nin tan malo nin tan feroz» chega á casa da cultura de Valdoviño. O alumnado de 6º B de Educación Primaria do CPI Atios convídanos a asistir este mércores festivo á representación da súa obra. A función comeza ás 17:00 horas, con entrada de balde e libre ata completar aforo.

A peza está baseada no libro «Feliz Feroz», do profesor e escritor Miguel Ángel López González, coñecido como El Hematocrítico. Trátase dunha revisión do clásico relato onde o protagonista desfruta axudando aos demais en lugar de asustar. A pesares dos esforzos da súa familia por facelo feroz, el segue o seu propio destino, cumprindo o seu soño de montar unha pastelería. A obra ensínanos que cada quen debe ser o que queira ser, o non o que se supón ou está establecido que deba ser.

Baixo a dirección de María Dolores Freire, a rapazada do Atios leva traballando nesta produción dende o mes de xaneiro. Tras a elección do conto, escribiron o diálogo teatral, coas necesarias revisións para ampliar personaxes e escenas, xa que son 17 alumnos con papel.

Encargáronse tamén dos decorados, e de todos e cada un dos detalles da loxística. Os ensaios leváronse a cabo no auditorio que este mércores acollerá a representación, e o pasado día 4, estreaban no Jofre, no marco do certame Teatro con G que promove a Coordinadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra.

O Concello de Valdoviño animounos a subirse ao escenario local, e agora compartirán a obra con todos os seus veciños.

Lea también

La Sociedad Artística Ferrolana entrega el premio ‘Gregorio Baudot 2026’ al grupo ferrolano BÖJ

En el mismo evento se entregó el título de socio de Honor de la SAF …