O paseo marítimo de Xuvia en Narón prepárase para vivir a Festa da Alteada

Vermú, xantar popular, música e festa infantil compoñen a programación dunha cita que xa supera o cuarto de século.
 
 
A concelleira de Festas, Mar Gómez, e o presidente da AVV Altea de Xuvia, Indalecio Llago, presentaron este luns a programación da vixésimo sexta edición da Festa da Alteada, que se celebra o próximo 5 de xullo no paseo marítimo de Xuvia.
 
A convocatoria está organizada polo consistorio, a través da concellaría de Festas, e coa AVV Altea. A xornada comezará cunha sesión vermú de 13:00 a 15:00 horas, para dar paso ás 15:00 horas a un xantar popular. Ameixa rubia á mariñeira, churrasco, sobremesa, café e chopos, con bebidas incluídas, compoñen o menú a prezos populares.
 
Os tickets poden recollerse na cafetería da AVV Altea ou reservar chamando ao número 981 393 561. Ás 17:00 horas chegará a quenda da música, e pola tarde a festa virará cara aos máis pequenos, cunha sesión de xogos tradicionais de 16:00 a 18:00 horas. De 18:00 a 19:00 horas será a quenda do Mago Martín, que porá en escena o espectáculo «Trasnadas moi serias».
 
A xornada pechará, como xa é tradición, coa Festa da escuma, ás 19:30 horas, para o goce de todas as nenas e nenos que se acheguen ao paseo marítimo. Dende a entidade veciñal e o Concello animan á veciñanza a participar nesta cita gastronómica e familiar, «a través da que queremos seguir poñendo en valor un produto tan noso como é a ameixa rubia», sinalou Mar Gómez.
 
A concelleira agradeceu o traballo da AVV Altea por manter, xunto co Consistorio, esta celebración «que xa supera o cuarto de século e que ano tras ano segue a gañar adeptos no paseo marítimo de Xuvia».

Lea también

Ares estrea o ciclo musical ‘Ao Son do Mercado’

A iniciativa ‘Ao Son do Mercado’, integrada na programación VeraneAres 2026 da Concellaría de Cultura, …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *