Valdoviño convida á proxección dunha selección de curtas sobre memoria democrática e do territorio

Forma parte do programa de Actividades de Recuperación da Memoria Democrática, e celebrarase este venres no auditorio ás 20:00 horas

O Concello de Valdoviño convida a veciños a asistir este venres á proxección de diferentes traballos audiovisuais sobre memoria democrática e memoria do territorio realizados para o Chanfaina Lab ao longo da súa traxectoria.

Entre eles, “Homes”, curta documental dirixida por Diana Toucedo e producida na segunda edición do certame, cunha fonda reflexión sobre a memoria e a historia a través das mulleres que agardan aos homes que partiron.

O filme narra como os actos dos homes configuran a historia oficial, namentres cuestiona que acontece coa identidade das mulleres que manteñen feridas abertas. A sesión dará comezo ás 20:00 horas no auditorio da casa da cultura, con entrada de balde e libre ata completar aforo.

Na mesma, tomará parte Ángela Arnosa, directora de Comunicación, e o veciño de Valdoviño Manolo González, promotor do Chanfaina, que conversarán co público sobre as obras.

A acción inclúese no programa de Actividades de Recuperación da Memoria Democrática, que cofinancia a Deputación da Coruña, e nesta actividade colabora tamén o Concello de San Sadurniño.

Lea también

Galicia avanza una intervención para documentar y recuperar piezas muebles del pecio de Punta Restelos

Los restos  pertenecen a un galeón hundido en 1596 e integrado en la flota que …