As Pontes incorpora unha educadora familiar o departamento de Benestar Social

A nova profesional permitirá ampliar o traballo de acompañamento, prevención e intervención socioeducativa con menores e familias do municipio.

O Concello das Pontes incorpora unha educadora familiar ao departamento de Benestar Social, un reforzo que permitirá ampliar a atención ás familias e consolidar as accións de prevención e intervención socioeducativa que se desenvolven desde os servizos municipais.

A incorporación desta profesional responde á aposta do goberno local por fortalecer os recursos públicos de atención social e adaptar os servizos ás novas necesidades que presentan as familias, a infancia e a adolescencia. Esta contratación realízase ao abeiro do Programa de Inclusión Social para os anos 2025-2026, cofinanciado pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027.

A educadora familiar traballará de forma coordinada co equipo técnico de Benestar Social, desenvolvendo intervencións socioeducativas dirixidas a menores, adolescentes e ás súas familias.

Entre as súas funcións figuran o acompañamento e seguimento de unidades familiares en situación de vulnerabilidade, a orientación e o apoio no exercicio das responsabilidades parentais, a promoción de hábitos saudables de convivencia e organización familiar, así como o reforzo das competencias educativas das nais, pais e persoas titoras.

Do mesmo xeito, participará na detección precoz de situacións de risco social, dificultades de integración, problemas de convivencia ou posibles situacións de desprotección infantil, colaborando na elaboración e execución de plans individualizados de intervención. A súa labor incluirá tamén a mediación familiar, o apoio aos procesos de autonomía persoal dos e das menores, a coordinación cos centros educativos, servizos sanitarios e entidades sociais, así como o desenvolvemento de actividades grupais e comunitarias orientadas á prevención, á inclusión social e ao fortalecemento dos vínculos familiares.

A concelleira de Benestar Social, Tania Pardo, destaca que “a incorporación desta figura profesional supón un importante avance para seguir mellorando a atención que prestamos á veciñanza e para ofrecer unha resposta máis próxima, especializada e eficaz ás familias que precisan apoio”.

Neste sentido, subliña que “o labor dunha educadora familiar resulta fundamental para traballar desde a prevención, acompañando ás familias nos seus procesos cotiáns, reforzando as súas capacidades e contribuíndo a crear contornas máis seguras e favorables para o desenvolvemento dos e das menores”.

Desde o departamento de Benestar Social sinalan que a intervención socioeducativa constitúe unha ferramenta clave para detectar situacións de risco de maneira temperá, favorecer a inclusión social e evitar que determinadas dificultades familiares se agraven co paso do tempo. Ademais, destacan que a presenza dunha educadora familiar permitirá intensificar o traballo de proximidade cos fogares, ofrecendo unha atención máis personalizada e adaptada á realidade de cada unidade familiar.

A nova profesional participará tamén no deseño e desenvolvemento de programas comunitarios orientados á promoción do benestar familiar, a educación en valores, a convivencia e a igualdade de oportunidades, reforzando así o traballo que o Concello vén desenvolvendo no ámbito social.

Lea también

Valdoviño celebra este domingo su tradicional Feirón mensual

Está organizado por la Asociación de Mulleres do Rural María del Mar Becerra con el …