Cerca de 350 deportistas desde Peques até Máster 3 participan nas distintas probas da XI Carreira popular de San Sadurniño, unha das clásicas do athletismo amador da comarca que se beneficiou, un ano máis, dun tempo soleado e non demasiado caloroso.

A raíña das carreiras volveu ser a cronometrada de 4,9 quilómetros con saída e chegada no arboreto da Cortiña tras pasar pola Bidueda, Cornide e un tramo da estrada de Ortigueira. Un trazado no que os mellores tempos os asinaron Andrea Díaz Iglesias, do Ría de Ferrol, con 18’33”, e Hugo Serantes Bouza, quen completou o trazado en 16’07». Él e os seus compañeiros do Náutico Narón coparon os catro primeiros postos da popular.
O speaker da cita, o xornalista Terio Carrera, bromeaba na liña de meta preguntándolles aos deportistas que chegaban derreados se atoparan algunha costa no percorrido, posto que cando se montara o trazado, ría Carrera, «a organización puxo todos os tramos chans».
Esta edición reeditou o trazado de 4,9 quilómetros estreado hai tres anos que, malia ser unha distancia asequible con algo de adestramento, supuxo un auténtico inferno para quen non prestase atención á sucesión de desniveis. De feito, o grupo compacto que saíu da Cortiña e que avanzou máis ou menos xunto pola Bidueda non tardou en ir estirándose a medida que se subía cara a Cornide.

A primeira costa marcou a diferencia máis avultada entre quen tivese costume de correr populares, medias maratóns e maratóns, e quen está iniciándose neste tipo de probas. Porén, quizais fose a recta da AC-862 a que máis “tirou”. E é que, despois de pasar máis ou menos ben Cornide, as corredoras e corredores atoparon un segmento inferior ao quilómetro que comezaba cun leve descenso para logo ir en chan e rematar nunha subida máis dura do que parecía, comprendida entre a panadería Inxerto e a Casa do Concello.
A proba absoluta da pedestre sadurniñense botou a andar ás 11:30 horas e completouse en 36 minutos, axustándose ás previsións da organización que este ano axustaron os horarios e o desenvolvemento de todas as probas de tal maneira que a entrega de trofeos puido iniciarse antes incluso das 13:00 horas.
Ao podio subiron como vencedora e vencedor absolutos Andrea Díaz Iglesias e Hugo Serantes Bouza, con tempos de 18’33» e 16’07» respectivamente. Ambos presidiron o podio da Cortiña dentro da categoría Sénior. As persoas mellor clasificadas de San Sadurniño na proba raíña foron o Máster 2 David Tembrás Alonso, de Ferreira, cun tempo de 18’17» que lle valeu un meritorio 15º posto na xeral, e Lucía Carballido Tembrás, de Naraío, quen pasou por debaixo do arco de meta dez minutos despois.
Antes da carreira de 4,9 quilómetros desputáronse as mangas Sub 16 e Sub 14 mentres que, tralo seu remate, o arboreto da Cortiña acolleu as probas para a rapazada, desde Sub 12 ata Peques.

A XI Carreira popular de San Sadurniño foi todo un éxito organizativo, gracias á colaboración do persoal da Federación Galega de Atletismo, do club ciclista Biela e Chaveta, da clínica local Fisioche-ben e do apoio loxístico de Emesports, en cuxa web poden consultarse xa as clasificacións de todas as categorías.
Ademais, no éxito tamén tivo que ver o comentarista Terio Carrera, animando a mañá con entrevistas e comentarios sobre a traxectoria dos nomes máis destacados, lembrando as citas futbolísticas desta tarde e, máis que nada, dinamizando a proba en perfecta sincronía co persoal de cronometraxe para que o plan horario se fose cumprindo coa máxima precisión.
Próxima cita deportiva entre corredoiras, toxos e xestas
E trala popular deste domingo, en sete días teremos unha nova cita co deporte en San Sadurniño. E é que o domingo 14 desenvolverase «Entre corredoiras, toxos e xestas» que integra o terceiro Trail de montaña, a 5ª BTT e unha andaina. O evento, organizado polo Concello e o club local Biela e Chaveta presentarase oficialmente este martes pola tarde preto do castelo de Naraío, aproveitando un dos novos itinerarios abertos para esta edición.
Toda a información pode consultarse na web do club ciclista. O prazo para anotarse en calquera das tres disciplinas remata este luns 8 de xuño.
Absoluta 5k
Absoluta 5k por categorías
Clasificación Sub 16
Clasificación Sub 14
Clasificación Sub 12
Clasificación Sub 10
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.