A Escola de Benestar de Narón programa actividades para coidar o corpo, a mente e a memoria

O Concello de Narón, a través da Escola de Benestar do Servizo Sociocomunitario municipal, presenta a súa programación para o mes de xuño con novas actividades gratuítas e abertas á cidadanía.
 
 
Co obxectivo de promover a saúde integral da veciñanza, as tres iniciativas incluídas abordan desde diferentes perspectivas a conexión entre o benestar físico, emocional e social, e teñen lugar en distintos espazos do municipio ao longo da primeira quincena deste mes. A primeira cita terá lugar este sábado 7 de xuño, ás 11:00 horas, no Centro Cívico Social do Alto do Castiñeiro, cunha conferencia titulada «A repercusión das emocións no corpo».
 
A cargo da fisioterapeuta e osteópata Verónica Grandal, especialista en osteopatía, terapia craneosacral biodinámica e fisioterapia en obstetricia e xinecoloxía con máis de vinte anos de traxectoria profesional en Ferrolterra, a sesión afondará na relación entre a vida emocional e as súas manifestacións físicas: tensión, dor ou bloqueos corporais que o corpo expresa de forma coherente ao seu contexto, entendido como un sistema vivo e non como un conxunto de pezas illadas.
 
Catro días despois, o xoves 11 de xuño ás 18:00 horas, a Biblioteca pública municipal de Narón acolle un encontro de formato moi diferente. Baixo o título «Relato dunha vida», a escritora e viaxeira Sofía Díaz Campos, de 93 anos, compartirá coa veciñanza a súa historia persoal. Nacida na Coruña en 1933, pasou a súa vida en diferentes países ata recalar na residencia de maiores de Caranza, en Ferrol, onde durante o confinamento escribiu o seu primeiro libro, Escamas de mujer en un mar de silencios.
 
Desde entón non deixou de escribir, e suma xa catro títulos publicados. A charla-entrevista promete ser un espazo de reflexión sobre a memoria, a resiliencia e o valor da experiencia acumulada ao longo dunha vida. A última das propostas deste mes terá lugar o venres 12 de xuño, de 16:00 a 20:00 horas.
 
O Parque de Freixeiro será o lugar de encontro para unha tarde de actividades ao aire libre orientadas ao coidado de corpo e mente. Atención plena, movemento, forza e paseos guiados conforman un programa que está aberto a familias e persoas adultas que queiran desconectar e coidarse nunha contorna natural.
 

Lea también

Un hombre herido tras una salida de su vehículo, que colisionó contra un poste, en Narón

Pasadas las siete de la mañana de este miércoles, día 10 de junio, se registró …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *