Terra Galega pide ao Executivo galego que corrixa un proxecto que deixa sen atender as demandas de investimento que Narón leva anos formulando.
O Goberno municipal de Terra Galega, encabezado pola alcaldesa, Marián Ferreiro, rexeita o reparto territorial do proxecto de orzamentos da Xunta de Galicia para 2027 e reclama ao Goberno galego que atenda de vez as demandas de Narón.
O proxecto consigna arredor de 160 millóns de euros para Ferrolterra dos que apenas 7 chegarán a Narón para a construción de vivenda pública nunha parcela cedida polo goberno municipal e valorada nun millón de euros. Tega denuncia que mentres outros concellos da comarca ven recollidas actuacións de saneamento, abastecemento ou ensino, Narón, pola contra, non atopa no borrador de orzamentos resposta ás demandas que leva tempo formulando.
Entre outras peticións, o Concello reclama á Xunta un plan de investimentos para ampliar a rede de saneamento e abastecemento no rural e o financiamento das obras de acondicionamento do colector xeral do río Freixeiro. Pide tamén un plan de mantemento e reparación das vías públicas de titularidade autonómica, en particular as do Val e Pedroso, e a renovación das beirarrúas da estrada de Cedeira (AC-566), onde hai problemas de accesibilidade no primeiro quilómetro.
En mobilidade, solicita un aparcadoiro disuasorio na rotonda de Freixeiro, que conecte a FE-12, a A-9 e a rúa Santa Tecla, e unha liña de transporte público que comunique os barrios da Gándara e da Solaina co Concello, o centro de saúde e os institutos As Telleiras e Terra de Trasancos.
No ámbito social e educativo, o Goberno de Narón reclama un centro integral de atención ás persoas maiores, máis vivenda de promoción pública e un plan para subsanar as deficiencias e mellorar as instalacións dos centros públicos de ensino. Tamén urxe a construcións dun módulo cuberto para a práctica do atletismo no Estadio Municipal de Río Seco.
Pide ademais un centro integrado de formación profesional coas familias que non se ofertan noutros centros da bisbarra, e que a Xunta asuma a xestión das escolas infantís, unha competencia exclusiva do Goberno galego. Solicita tamén que o prezo por hora do Servizo de Axuda no Fogar se axuste ao custo real das contratacións. En materia de saúde, reclama ampliar o servizo de radioloxía ao horario de tarde e ao PAC, un servizo de ambulancias 24 horas e outra UVI móbil para a Área Sanitaria.
Marián Ferreiro sinalou que “Non é de recibo. Levamos anos pedindo investimentos que a Xunta non atende, e estes orzamentos volven deixar Narón á marxe. A veciñanza non entende que outros concellos teñan resposta e o noso non pese a ser o oitavo en poboación de Galicia. O que pedimos é que o reparto dos fondos se faga con criterios obxectivos e non segundo a cor política de cada concello”.
Con este obxectivo, Terra Galega levará ao Pleno unha moción para que o Concello reclame formalmente á Xunta que atenda as demandas de Narón e as recolla nos orzamentos de 2027, para que a cidade reciba un trato acorde co seu peso na comarca.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.