O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol ven de rexistrar unha Moción que será debatida no Pleno de fin de mes para que o Concello de Ferrol rexeite à proposta de supresión de servizos de autobús, solicitada pola empresa “Tranvías del Ferrol” e inste á Xunta de Galicia a rexeitar, a mesma, así como ao cumprimento dos acordos vinculados ao Plan de Transporte Metropolitano.
Asi mesmo o BNG inta ao Goberno Local a por en marcha ou redefinir un servizo de transporte público que preste un adecuado servizo, en horarios e frecuencias e que cubra as necesidades sociais do concello tanto da súa zona urbana como da rural e, de ser preciso solicitar da Xunta a titularidade da concesión para a prestación deste servizo por parte da administración local co financiamento adecuado para o mesmo.
“Para o BNG- sinalan os nacionalistas- o servizo de transporte público na cidade e máis concretamente o servizo de autobuses urbanos, na actualidade, é moi deficiente tanto na zona urbana como na zona rural onde nos atopamos con frecuencias de paso ridículas.
Levamos anos asistindo a unha merma significativa nos servizos que prestan as dúas empresas que teñen a concesión de explotación das liñas que discorren polo noso concello. Así a zona rural, leva moitos meses esixindo un plan de transporte que garanta un servizo público en condicións que cubra as necesidades dos veciños e veciñas destas parroquias, sen resultado ningún.
A isto hai que engadirlle a proposta feita pola empresa “Tranvías del Ferrol”, concesionaria da rede de autobuses que discorren pola zona urbana do noso concello de reducir drásticamente o número de servizos que prestan as liñas que ten concesionadas.
Esta proposta foi comunicada ao Concello de Ferrol, por parte do Servizo de Mobilidade da Consellería de Medio Ambiente e Infraestruturas, e públicada no Diario Oficial de Galiza sen que, inexplicabelmente, o goberno municipal de Ferrol presentara alegacións.
Nada máis e nada menos que se pretenden suprimir máis de 283 servizos que afectan á totalidade de liñas que operan no Concello (4,3,9,1-B,7,1-2) e nalgúns casos deixaran sen servizo de autobuses a zonas como A Graña, A Cabana, Santa Icia, a residencia “Arquitecto Marcide”, A Malata, A Gándara etc.Así mesmo cabe incidir en que de levarse adiante esta redución de servizos à mesma pode ter un efecto negativo no cadro de persoal da empresa que signifique a perda de entre 8 e 10 postos de traballo na mesma.
Tamén temos que resaltar como aspecto negativo, a última adenda asinada ao convenio que o concello ten asinado coa Axencia Urbana de Barcelona para estudar o desenvolvemento dunha nova Rede de Transporte Público. Tratase dun acordo limitado xa que non asume a necesidade de aumentar as liñas de transporte contrariamente ao que establece o Plan de Mobilidade de Ferrol e ás necesidades evidentes do concello.”