Valdoviño coroaba a Alicia Fernández Fraga como a mellor deportista local na VII Gala do Deporte. O recoñecemento non é novo para a central galega de balonmán, xa que a “guerreira” lograba tamén a máxima distinción da cita nas tres primeiras edicións da gala. O seu currículum abruma, e ao longo do 2025 non deixou de medrar, xa que ese ano fichaba polo club polaco KGHM MKS Zagłębie Lubin, co que lograba a Supercopa de Polonia, o seu primeiro título oficial co equipo tras a súa incorporación á liga, unha das máis potentes de Europa.

Ademais, continuaba sendo unha peza clave coa selección española, consolidando o seu status como unha das mellores centrais do país. Esa esixencia na competición impediu que esta tarde asistira á gala, e a súa nai encargábase de recoller o premio de mans do alcalde, Alberto González. Iso si, enviaba a todo o público presente un agarimoso saúdo a través dun vídeo.
A gala arrincou coa música de “Maio”, que integran a solista Lorena Hermida co acompañamento á guitarra de Jorge Casas. De seguido, o xornalista Raúl Salgado, que exerceu de condutor do evento, deu a palabra ao concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, que reafirmaba o compromiso do Concello coa promoción do deporte a través de programas e infraestruturas, e poñía en valor a contribución dos deportistas e das deportistas locais.
De seguido, en representación da Deputación da Coruña, a deputada provincial de Industria, Medio Ambiente, Empresa e Reto Demográfico, Rosana García, tomaba a palabra para ratificar o apoio da institución provincial ao deporte, e nomeadamente ao deporte de base, a través dunha serie de programas e convocatorias de axudas que, cada ano, concentran investimentos millonarios.
A partir de aí, o Concello daba a coñecer o nome dos mellores deportistas nas diferentes disciplinas, ademais das mencións de honra. Estes foron os deportistas galardoados nas diferentes disciplinas:
Atletismo: Carmen Paredes, Baile deportivo: Nerea Penabad García e Lidia Vellón Vivero, Baile de Salón: Ana Alonso Arroyo, Fútbol: Álvaro Fraga Mesía e Laura Testa Roca, Hípica: Alejandro Blanco Pintos, Judo: Amelia Tenreiro, Hockey Patíns: Antía Rascado López-Sastre, Motociclismo: Ian Fernández Morado, Natación: Lucía Villarnovo Pazos e Miguel Graña del Solar, Pesca deportiva: Elena Nicolás Durand e Antonio José Figueroa López, Pickleball: Ángel Vilar Vergara, Remo: Cristina Rodríguez López, Surf: Lucas Casal Mayobre e Ana Piñón Sanesteban, Tenis de mesa: Celia Sanz García e Martín Corral Pena, Ximnasia artística: Lucía Vilar Teijeiro.
Mencións especiais: Mellor Equipo de Valdoviño: Equipo Senior Meirás CF, Mención Especial Proxección Internacional: Daniel Blanco López, Mención Especial Promoción Deporte Base: SD Valdoviño, Mención Especial Mellor Clube: Meirás CF, Mención Especial Promesa no Deporte: Iago Ulla Rodríguez, Mención Especial Progresión no Deporte: Mario Tenreiro Leira, Mención Especial á Constancia: Blanca Hermida Rodríguez, Mención Especial á Superación: Candela Pérez Dopico, Mención Especial Toda Unha Vida Adicada Ao Deporte: Javier Sabín Muíño.
OVACIÓN PARA CANDELA PÉREZ
Así mesmo, o auditorio viviu un dos momentos máis emotivos na entrega da mención especial á superación a Candela Pérez, a campioa de surf integrante de RSM que sufría hai meses un durísimo accidente de tráfico que fixo temer pola súa vida.
Porén a su incrible forza interior, a súa actitude sempre positiva e valente, encarando as dificultades con forza e optimismo, e o apoio incondicional da súa familia, permitiulle afrontar con éxito un proceso de recuperación do que estamos convencidos sairá máis forte que nunca. Hai uns días abandoaba o hospital, e esta tarde recibía sen dúbida o aplauso máis forte e agarimoso da velada. Ese co que o público quixo demostrarlle a súa admiración e cariño.
O alcalde, Alberto González, clausuraba a gala felicitando a todos os premiados, e facendo extensiva esa felicitación ás familias dos máis novos, poñendo en valor o seu apoio, clave para facilitar esa participación efectiva no deporte, e sobre todo, na competición. Así mesmo, subliñaba o compromiso do Concello de Valdoviño co deporte, unha prioridade na axenda da xestión municipal. Un compromiso que continuará traducíndose en actividades, organización de competicións e programas de fomento de hábitos saudables, e tamén investimentos en infraestruturas deportivas.
Por último, agradecía a colaboración desinteresada do xurado da gala, integrado polos xornalistas deportivos Elba de la Barrera (La Voz de Galicia), Juan Quijano (Diario de Ferrol), Raúl Salgado (Cadena Ser), Juan Galego (Televisión de Ferrol) e Adán Puentes (Galicia Ártabra Digital). Un xurado coordinado polo técnico de Deportes, que o tivo realmente compricado coas candidaturas presentadas pola veciñanza, clubs e asociacións.
A gala concluía coa música de Maio, e a tradicional foto de familia.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.