A Deputación da Coruña apoia con 15.230€ o programa de ACADAR na prevención da violencia de xénero en mulleres e nenas con discapacidade

A Deputación apoia con 15 230 euros o programa de ACADAR para sensibilizar o alumnado e profesorado en prevención da violencia de xénero en mulleres e nenas con discapacidade. A deputada de Igualdade, Sol Agra, puxo en valor «o papel do apoio económico das institucións ás entidades aliadas que traballan desde a sociedade civil». O proxecto de ACADAR desenvólvese en concellos como A Coruña, Ames, Brión, Ordes, Padrón e Santiago de Compostela.

A deputada de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Sol Agra, visitou esta semana a sede da Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia ACADAR, en Santiago de Compostela, para coñecer de primeira man o labor que desenvolve a entidade no acompañamento e apoio ás mulleres con discapacidade.

ACADAR é unha das entidades beneficiarias da convocatoria FOIO0A/2026 da Área de Igualdade da Deputación da Coruña, dotada con 600 000 euros para o apoio a programas en políticas de xénero desenvolvidos por entidades sen ánimo de lucro.

A deputada de Igualdade, Sol Agra, subliñou que con esta convocatoria «reafirmamos o noso compromiso co apoio ao tecido asociativo que traballa día a día pola igualdade real e efectiva». Neste sentido, destacou que «o cambio constrúese desde o local», polo que considera fundamental «garantir a estabilidade dos proxectos, como estes, que están a traballar nun ámbito, o da discapacidade, que moitas veces queda fóra dos programas das institucións competentes».

A discapacidade, e a situación de vulnerabilidade fronte á violencia sexual de mulleres e nenas con discapacidade, «é unha realidade incómoda que está invisibilizada», polo traballo de ACADAR «é fundamental para achegalo á sociedade», abondou a deputada.

Agra puxo en valor «o papel do apoio económico das institucións ás entidades aliadas que traballan desde a sociedade civil», pois o seu coñecemento do territorio «permite desenvolver intervencións máis eficaces». Ademais, incidiu en que «sen ese traballo continuado sería máis difícil avanzar na prevención das violencias machistas e na promoción dos dereitos das mulleres».

Labor realizado por ACADAR

A asociación recibiu unha subvención de 15 .230 euros ao abeiro desta liña para o desenvolvemento do proxecto ‘VIO 10: Ver para erradicar’, unha iniciativa formativa dirixida ao alumnado de secundaria, bacharelato, formación profesional e universitario para sensibilizar sobre discapacidade, igualdade e prevención da violencia de xénero e sexual.

Durante a visita, Sol Agra coñeceu o funcionamento deste programa, que presta especial atención ás distintas formas de violencia que sofren as mulleres con discapacidade, incluídas a violencia vicaria e a violencia dixital. O proxecto desenvólvese en concellos como Santiago, Brión, Ordes, A Coruña, Ames e Padrón, e inclúe accións presenciais e tamén formacións en liña adaptadas ás necesidades dos centros educativos.

ACADAR foi constituída no ano 2009 en Santiago de Compostela e foi a primeira asociación galega centrada na defensa da igualdade efectiva das mulleres con discapacidade. Entre os seus obxectivos están a promoción da autonomía e da participación social das mulleres, así como a prevención e erradicación das distintas violencias que poden sufrir.

Lea también

El personal civil de Defensa se manifiesta en Ferrol para exigir una subida salarial de 300 euros mensuales

Trabajadores civiles del Ministerio de Defensa se han manifestado en la mañana de este miércoles …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *