O I Encontro de Xigantes e Cabezudos de Neda desvela o seu programa oficial

O Colectivo Piruchela presenta o cronograma dunha xornada que reunirá a máis de corenta figuras de toda Galicia e destaca o apoio do comercio local para facer realidade o evento.

Tras anunciar hai unhas semanas a histórica recuperación da tradición dos xigantes e cabezudos en Neda —desaparecida desde os anos corenta—, o Colectivo A.C.D.G. Piruchela dá un paso máis e desvela o programa definitivo de actos para o vindeiro sábado 6 de xuño.

A cita, que conta cuha colaboración estratéxica do Concello de Neda, converterese nun gran escaparate da cultura popular grazas á confección artesanal das pezas propias da asociación e á chegada de delegacións de diversos puntos do país.

Programa oficial da xornada

O encontro concentrará os seus actos principais no casco histórico da vila cun horario deseñado para o goce de veciños e visitantes:

11:30 horas: Traslado dos cabezudos da Piruchela á Casa das Palmeiras.

12:00 horas: Recepción oficial de todas as asociacións e concellos participantes na Casa das Palmeiras.

13:00 horas: Acto central co pregón, actuacións musicais e unha exposición aberta de xigantes e cabezudas na Casa das Palmeiras. O pregoeiro desta primeira edición será o recoñecido artesán Luis Javier Iglesias Rodríguez, «Luchi», creador que conta na súa traxectoria con importantes traballos de homenaxe á arte galega, como a confección en 2022 do grupo de cabezudos e o cavaliño encomendados polo Concello de Lalín en tributo ao pintor Laxeiro e á súa obra A familia Romea.

14:00 horas: Xantar popular de confraternidade para os grupos participantes.

17:00 horas: O momento máis agardado, o grande desfile de xigantes e cabezudos. A comitiva partirá da Casa das Palmeiras e percorrerá a Rúa Sobre a Vila, Rúa Real, Subarreiros, Rúa Castro e a Praza da Rectoral, para enfilar despois a Rúa Xeneral Morgado. O desfile rematará tras pasear polas rúas do casco histórico de Neda.

19:00 horas: Clausura e peche do encontro.

Todas as incorporacións e o patrimonio tradicional

A organización confirmou que o volume de figuras superará os corenta participantes. Neste senso, a representación institucional estará encabezada polo Concello de Pontedeume, que desembarcará en Neda cos seus emblemáticos e históricos dous mómaros (acompañados das sús cabezudas), e polo Concello de Betanzos, que achegará tamén a súa propia e recoñecida tradición de figuras ao, encontro.

O tecido asociativo galego estará plenamente representado no desfile grazas ás aportacións de patrimonio en forma de cabezudos de todas as entidades: a A.V.V. de Caranza «Cuco Ruiz Cortázar» de Ferrol, a A.V.V. Ancos de Neda, a Asociación Cultural As Angustias de Nigrán e a Asociación Veciñal e Cultural O Redondelo de Lalín. Así mesmo, a organización cultural Transhumancia Sonora de Lalín sumará unha nutrida delegación cos seus tradicionais cabezudos da comarca de Deza.

O apartado musical e o ritmo durante todo o percorrido estarán blindados polos sons da Banda de Gaitas Tradicional Airiños de Fene e polo grupo de música tradicional Vai Rañala Meu! de Narón.

Agradecemento ao tecido local

Nos vindeiros días farase público o cartel oficial do evento, onde figurarán todas as marcas e firmas colaboradoras. Desde o Colectivo Piruchela queren transmitir un profundo agradecemento ao comercio local e a todos os patrocinadores privados. A súa implicación e xenerosidade foron pezas indispensables para poder financiar e facer realidade esta ambiciosa proposta cultural sen precedentes en Neda.

Lea también

Se inicia nas Pontes a segunda fase das obras de mellora na rúa Pardo Bazán

O Concello das Pontes iniciou, as semana pasada, as obras da segunda fase de mellora …