Conciliación con conciencia ambiental no campamento de verán «SentiNarón: Sentinelas do Planeta

O Concello de Narón abre o martes 19 de maio ás 8:30 horas, o prazo de inscrición para o ConciliaEscola 2026, o programa municipal de conciliación estival que este ano se artella baixo o lema «SentiNarón: Sentinelas do Planeta«. A iniciativa, de balde para as familias participantes, ten como eixo a educación ambiental e a sustentabilidade, e oferta un total de 210 prazas distribuídas en tres quendas ao longo de seis semanas.

Baixo o lema “SentiNarón: Sentinelas do planeta”, o campamento desenvolverá unha programación centrada na educación ambiental, promovendo entre os nenos valores vinculados á reciclaxe, o respecto pola natureza, a sustentabilidade, o consumo responsable e a protección da contorna natural.

Segundo explicou na presentación a edil de Igualdade e Benestar Social, María Lorenzo, a iniciativa tamén incorporará contidos relacionados coa diversidade e a igualdade.

As persoas participantes converteranse en “sentinelas do planeta” a través de actividades orientadas a fomentar boas prácticas ambientais tanto no ámbito familiar como escolar e social.

O programa incluirá ademais xogos populares, actividades deportivas e de orientación na natureza, obradoiros de manualidades, dinámicas de animación e saídas, cun enfoque inclusivo e transversal en educación en valores.

O programa desenvolverase do 22 de xuño ao 31 de xullo nas instalacións do CEIP A Solaina, en horario de 9:00 a 14:00 horas. Ademais, para facilitar a conciliación das familias, habilitarase un servizo de entrada anticipada entre as 7:30 e as 9:00 horas e outro de saída de 14:00 a 15:00 horas, sempre que se solicite previamente.

ConciliaEscola está dirixido a nenos nados entre os anos 2014 e 2023 que estean escolarizados durante o curso 2025-2026 nun centro educativo de Narón ou empadroados no municipio. As bases establecen tamén como requisito que os pais, nais ou titores legais estean traballando.

O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 26 de maio ás 13:30 horas. As inscricións poden formalizarse no Rexistro Xeral do Concello, a través da sede electrónica municipal ou por calquera dos medios previstos.

As persoas interesadas deberán presentar a solicitude debidamente cuberta e asinada xunto coa documentación requirida nas bases da convocatoria.

A participación no programa será de balde e a selección das solicitudes realizarase mediante un sistema de baremación.

As bases completas da convocatoria e máis información poden consultarse na sede electrónica do Concello de Narón: https://sedeelectronica.naron.es/ 

 

Datas

Do 22 de xuño ao 31 de xullo de 2026

Horario

9:00 a 14:00 horas (con opción de ampliación para conciliación: 7:30–9:00 e 14:00–15:00)

Lugar

CEIP A Solaina (Narón)

Prazas

210 (9 reservadas para situacións de exclusión social e diversidade funcional)

Taxa

De balde

Lea también

Xornada radiante para unha nova e multitudinaria edición da marcha ciclista escolar de Narón

Protección Civil, Policía Local e o Motoclub Fojeteiros escoltaron unha columna de centos de bicicletas …