O premio de xornalismo literario e de opinión máis importante en lingua galega busca gañador

O prazo de envío de textos para participar no Premio Afundación de Xornalismo Francisco Fernández del Riego, dotado con 10.000 € para o artigo gañador e 2.000 € para as dúas persoas finalistas, remata o 31 de maio. 

Premio Fernandez del Riego edición 2025

O vindeiro 31 de maio remata o prazo de presentación de candidaturas. E a vixésimo terceira edición do Premio Afundación de Xornalismo Francisco Fernández del Riego, convocado por Afundación, podería ser a máis disputada dos últimos anos.

A recepción de artigos avanza a bo ritmo. O premio, dotado con 10.000 euros para o artigo gañador e 2.000 para cada un dos dous que resulten finalistas, é o máis importante dos que recoñecen a calidade de traballos xornalísticos de opinión ou de carácter literario. As candidaturas preséntanse a través dun formulario habilitado na web da Obra Social de ABANCA. Poden ser propostas tanto quen asina os artigos coma terceiras persoas ou institucións.

As bases do XXIII Premio Afundación de Xornalismo Francisco Fernández del Riego, tamén dispoñibles na web de Afundación, establecen que poden participar artigos de opinión ou de carácter literario publicados orixinalmente en galego durante o ano 2025. A extensión máxima dos traballos participantes é de 1.500 palabras.

Poden participar textos publicados en «medios de comunicación escritos, impresos ou dixitais de consolidada traxectoria», e quedan excluídos os que fosen difundidos orixinalmente a través de soportes coma os blogs persoais, ou medios auto-editados ou institucionais.

Entrega de premios no último trimestre do ano No último trimestre do ano saberase quen se fai co primeiro premio. Antes diso, o xurado do Premio Afundación de Xornalismo Francisco Fernández del Riego terá dúas reunións de avaliación dos textos recibidos. Na primeira, seleccionará tres artigos como finalistas. Nun prazo máximo de 6 meses desde ese primeiro encontro, o xurado volverá reunirse para designar cal dos tres artigos resulta gañador.

O xurado volverá estar integrado por figuras de recoñecido prestixio no ámbito xornalístico, literario ou académico. Na anterior convocatoria, a de 2025, a escritora e xornalista Rexina Vega fíxose co premio por un texto publicado na revista Tempos Novos. Nos dous anos anteriores, a xornalista de Faro de Vigo Mar Mato (2023) e o escritor e colaborador de La Voz de Galicia Diego Ameixeiras (2024) mereceron o primeiro premio.

Premio Fernandez del Riego edición 2025

Francisco Fernández del Riego

O premio rende tributo a Francisco Fernández del Riego (1913 – 2010). Ensaísta, narrador, editor e xornalista, pertenceu á promoción de intelectuais que xurdiron ao abeiro do Grupo Nós e o Seminario de Estudos Galegos. Comprometido cos procesos de modernización e reconstrución da identidade cultural e política de Galicia, Fernández del Riego foi membro do Partido Galeguista, animador dos programas en lingua galega na BBC, co-fundador da Editorial Galaxia e codirector da revista Grial.

Colaborou en moi diversas publicacións periódicas, dentro e fóra de Galicia, e ata finais de 2009 foi director da Biblioteca da Fundación Penzol. Doou a súa obra e o seu patrimonio intelectual á cidade de Vigo, onde residiu desde o ano 1940.

Edicións anteriores

Entre as persoas que gañaron as edicións anteriores do premio tamén están Fina Casalderrey, Carlos G. Reigosa, Rosa Aneiros, Manuel Rivas, Manuel Bragado, Luís Pousa, Ramón Loureiro, Tamara Montero, Miguel Anxo Murado, Inma López Silva, Cristina Pato, Míriam Ferradáns e Francisco Castro. Os artigos premiados ata o ano 2024 foron escolmados nun libro pola Obra Social de ABANCA. O volume pode ser descargado sen custe, e en formato PDF, na web de Afundación.

Lea también

Lenda Ártabra completa a programación cultural do Día das Letras Galegas en Ferrol

O grupo de música folk ferrolán Lenda Ártabra completará a programación cultural organizada en Ferrol …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *