A concelleira de Turismo de Narón, Natalia Hermida, recibiu nos últimos días a un grupo de peregrinos chegados ao municipio tras percorrer o Camiño do Mar.
Durante a benvida, a edil procedeu a selar as credenciais dos camiñantes, que completaron as etapas desta ruta xacobea alternativa, e fíxolles entrega das tradicionais cunchas co distintivo “Narón 100”, que simboliza a distancia ata Compostela polo Camiño Inglés e que se atopa sinalizada no paseo marítimo de Xuvia.
O encontro serviu tamén para poñer en valor o crecente interese que está a espertar este itinerario entre peregrinos de diferentes procedencias. O Camiño do Mar constitúe unha variante do Camiño do Norte que, desde Ribadeo, percorre os concellos do litoral da Mariña, Ortegal e Ferrolterra ata chegar a Narón, onde enlaza co Camiño Inglés cara a Compostela.
A pesar de que a súa oficialización administrativa por parte da Xunta de Galicia continúa pendente —malia os acordos unánimes do Parlamento galego en 2011 e 2021 para instar ao seu recoñecemento—, o interese polo Camiño do Mar non deixa de medrar. Segundo datos da asociación promotora, o pasado ano rexistráronse peregrinos de 26 nacionalidades e entregáronse arredor de 200 compostelas.
Neste contexto, a Asociación de Amigos do Camiño do Mar continúa a impulsar diferentes iniciativas para dar visibilidade ao itinerario e reivindicar a súa oficialización.
Entre elas destaca o Camiño do Mar Concello a Concello, unha andaina organizada por etapas semanais que permite percorrer o trazado histórico da ruta, ao tempo que contribúe a reforzar a identidade local e a manter a sinalización mediante o repintado das tradicionais frechas amarelas. Ademais, a entidade promove outras accións como o Camiño Gastronómico do Mar, co obxectivo de vincular o percorrido coa riqueza culinaria das comarcas que atravesa, sumando así atractivos turísticos á experiencia do peregrino.
Desde o colectivo inciden en que o recoñecemento oficial permitiría situar territorios como os da comarca de Trasancos en igualdade de condicións con outras rutas xacobeas xa consolidadas, abrindo novas oportunidades de desenvolvemento económico e turístico.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.

