Desde a Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra (AXF) «seguimos avanzando cun compromiso firme: lograr un emprego máis accesible e inclusivo para todas as persoas».
A AXF mantivo unha nova reunión con José Ángel Ventureira, Secretario Xeral da Unión Comarcal de UXT Ferrol, acompañado polo representante parlamentario do PSOE, Aitor Bouza, así como por Jorge Ulla (PSOE Narón), Rafael Fernández e Verónica Gómez (PSOE Ferrol). «Durante o encontro, continuamos sumando apoios a unha reivindicación fundamental: que as persoas xordas poidan contar con intérpretes de Lingua de Signos que garantan a accesibilidade nos procesos formativos e selectivos dentro das oposicións» afirma a asociación.
Así mesmo, a asociación lembra que «en reunións anteriores trasladouse a problemática existente nos chamamentos para contratacións temporais no SERGAS» «que se realizaban exclusivamente mediante chamadas telefónicas, resultando inaccesibles para as persoas xordas», engaden. «Neste sentido, valoramos positivamente que xa se adoptasen medidas para ir corrixindo esta situación, incorporando alternativas como os mensaxes SMS e o correo electrónico» afirman.
Desde AXF «esperamos que estes avances continúen estendéndose, especialmente no relativo á accesibilidade nos procesos selectivos». «Do mesmo xeito, reiteramos o noso apoio ao noso socio Jorge Meizoso no seu dereito para acceder a un emprego estable en igualdade de condicións».
María López Carballeira, Monitora de Servizos á Comunidade da AXF, destaca e agradece a todas as persoas e entidades implicadas o seu compromiso e colaboración para seguir avanzando cara a unha sociedade máis xusta e inclusiva. Así mesmo, subliña: “Porque a inclusión non é unha opción, é un dereito.”
A Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra (AXF), entidade de carácter comarcal, declarada de Utilidade Pública; representa á comunidade xorda desde 1972, como único recurso específico para persoas xordas na comarca de Ferrolterra, procurando a eliminación das barreiras comunicativas que dificultan o seu pleno desenvolvemento, ademais de proporcionar os servizos necesarios para lograr a maior calidade e autonomía posíbel.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
