Profesionais do hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol-CHUF seguen a celebrar o 50 aniversario con diversos actos ó longo do ano no que implican ós traballadores e a poboación en diferentes eidos. Nesta ocasión, apelan á súa solidariedade.
En colaboración con Cáritas, habilitouse un punto de recollida de roupa, calzado e complementos no corredor principal deste centro hospitalario, para que calquera que quiera, profesionais e poboación, poidan depositar as pezas que desexen no mesmo.
Co chamamento, A túa solidariedade abriga, xa se enviou unha mensaxe a todos os traballadores para que poidan contribuír con esta causa solidaria e ecolóxica de reciclaxe ó darlle unha segunda vida a eses elementos do vestir. Concretamente, especifican na imaxe distribuída: Roupa de Adulto, Roupa Infantil, Mantas e Calzado.
Actos ó longo do ano para agradecer e felicitar
A celebración do medio século da sanidade pública no Hospital Arquitecto Marcide do Complexo comezaba coa extensión dunha lona conmemorativa nunha das fachadas principais deste centro hospitalario, no mes de febreiro. No mes de marzo, un cubo de 2,50×2,50 metros con catro caras con imaxes das distintas etapas do edificio e a súa evolución arquitectónica e asistencial situábase no centro do corredor principal deste hospital.
Unha, a dos inicios, dende xuño de 1976, ano no que se incorporaban os primeiros traballadores que arrancarían a actividade no mes de agosto, e na que este centro se convertía nunha das “residencias sanitarias máis modernas de España”. Outra cara, cando se incorpora o centro de especialidades, no ano 1993, na que moitos dos especialistas pasan dende o Ambulatorio Fontenla Maristany a exercer a súa actividade nun edificio en forma de ele que facía medrar o centro orixinal.
Unha terceira cara, xa recén estreado o século XXI, amosa cando se unían estes edificios cunha gran cuberta central, o actual espazo do corredor principal de cristal, no ano 2001. Constituíase así un único centro, e cambiaba xa totalmente o aspecto desta infraestrutura hospitalaria. Por último, imaxes de como está a mudar este centro nos últimos anos e na actualidade, coa incorporación dos novos edificios, o edificio sur e o edificio este, envolvendo o centro actual.
Nesta acción, á que estaban tódolos profesionais invitados, puxo música o artista da comarca, Marcos Mella, que de xeito altruísta quixo así render unha homenaxe a tódalas persoas que conformaron, conforman e conformarán a Área Sanitaria de Ferrol.
Xa no mes no de abril, tivo lugar unha sesión específica sobre a Voz coa especialista en Otorrinolaringoloxía do Complexo ferrolán, María del Río Valeiras, quen estivo acompañada neste ano especial polo barítono internacional, Borja Quiza, que naceu no Hospital Arquitecto Marcide nos seus primeiros anos de actividade, e que falou sobre a voz dende a súa propia experiencia. Foi nun encontro aberto a público.
Nese mesmo mes de abril, producíase un evento nunca antes realizado nesta Área. A entrada do corredor principal do Arquitecto Marcide enchíase de promoción e prevención, e realizábase unha Feira da Saúde por e para os pacientes. Quen o desexou, por exemplo, puido facer un test de marcha, probas de espirometría, ou medir a tensión ou a glicosa, grazas ós profesionais sanitarios da Área que organizaron estas actividades. Era a primeira vez que se facían tantas probas para pacientes de xeito simultáneo, achegando o día a día sanitario directamente á poboación.
Xunto con isto, unha vintena de Asociacións de Pacientes que pertencen ó Consello Asesor de Pacientes da Área Sanitaria de Ferrol participaron todas xuntas con mesas informativas, algo nunca feito antes. Neste espazo, especialmente deseñado para eles as asociacións da comarca puideron compartir información, intercambiar ideas, e ofreceron a todo aquel que quixo información sobre a súa asociación, como facerse socio, e os servizos que ofrecen.
Ademais, os asistentes a este encontro puideron igualmente coñecer de preto o programa de voluntariado ASF Acompaña, onde coordinadores e integrantes do programa explicaban como facerse voluntario no mesmo.
E, por último, o mes de maio que remata tiña ós e ás profesionais como protagonistas, un día deles e para eles. Unha xornada de agradecemento a todos aqueles que fan e fixeron posible a asistencia sanitaria nos últimos 50 anos neste centro hospitalario. “Moitas grazas polo teu traballo”, entregóuselles un pin conmemorativo a todos e cada un no día do traballador o 1 de maio. E, tamén, o acto de entrega de galardóns do concurso de Poesía e Microrrelatos.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.

