Abre o prazo de inscrición na Candaina 2026 que se celebrará o 31 de maio no paseo marítimo de Xuvia

O paseo marítimo de Xuvia acolle o próximo 31 de maio unha nova edición da Candaina, un evento organizado pola Asociación Cometa e o Club Deportivo 21 Leguas coa colaboración do Concello de Narón.

Presentacion da Candaina no Concello de Naron

A presentación tivo lugar na mañá deste lúns coa participación do edil de Deportes, Ibán Santalla; o presidente da Asociación Cometa, Rubén Níñez; e a tesoureira da entidade, Iria Saavedra.

As persoas interesadas en participar poden inscribirse ata o 25 de maio ás 23:59 horas a través da web www.321go.es, onde tamén se poden consultar as bases completas da convocatoria. A organización confía en superar este ano os datos de participación da pasada edición, na que se rexistraron 450 persoas, e marca como obxectivo chegar ás 500 inscricións neste 2026.

A Candaina manterá o formato de anos anteriores, cun percorrido de 7 quilómetros que poderá realizarse correndo ou camiñando, con saída ás 10:30 horas desde o paseo marítimo de Xuvia. O prezo da inscrición é de 10 euros, cantidade que inclúe dorsal e paquete de benvida.

O evento ten carácter solidario, destinándose toda a recadación á entidade, que traballa polo coidado e protección dos animais abandonados. Dende a organización lembran a importancia de garantir o benestar dos cans participantes, que deberán ir suxeitos con correa durante todo o percorrido e, no caso de presentar problemas de comportamento, con boceira.

Archivo.-Candaina Narón 2025

A programación da xornada completarase cunha sesión vermú a partir das 13:00 horas, trala finalización da Candaina, a cargo de Verso a Verso. Haberá tamén servizo de comida e bebida, inchables para os máis pequenos e varios sorteos de agasallos.

Durante a presentación, o concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, animou á veciñanza a participar nesta cita deportiva e solidaria, destacando “o éxito das anteriores edicións e o importante labor que realiza a Asociación Cometa no ámbito do benestar animal”.

Pola súa banda, os representantes da entidade agradeceron a implicación do Concello e das persoas colaboradoras, así como a resposta da cidadanía, que cada ano permite consolidar esta iniciativa e seguir financiando actuacións como melloras nas instalacións ou tratamentos veterinarios para os animais acollidos.

Lea también

Narón recibe do CPR Jorge Juan os carballos plantados polo alumnado de 1º da ESO

O edil de Medio Ambiente do Concello de Narón, Manuel Ramos, visitou as instalacións do …