Narón reforza o control do abandono ilegal de residuos voluminosos na rúa

O Concello de Narón amplía a súa campaña contra o abandono ilegal de residuos voluminosos na vía pública, dirixíndose agora directamente aos establecementos comerciais, empresas de transporte e montaxe, e negocios de reformas da cidade para recordarlles as súas obrigas legais e as consecuencias do seu incumprimento.
 
 
Nos últimos meses, os servizos municipais de limpeza detectaron un incremento significativo do abandono de residuos voluminosos nas rúas de Narón. Electrodomésticos, colchóns, sofás, mobles, restos de obras e embalaxes de entregas domiciliarias véñense acumulando en puntos da vía pública, xerando un prexuízo ambiental e económico que recae sobre o conxunto da veciñanza.
 
A investigación deses casos apunta a que unha parte relevante destes residuos non provén de fogares particulares, senón de actividades comerciais e empresariais: tendas que retiran electrodomésticos vellos ao entregar os novos, empresas de montaxe de mobles ou negocios de reformas que non xestionan correctamente os materiais resultantes do seu traballo.
 
A Lei 7/2022, do 8 de abril, de residuos e solos contaminados para unha economía circular establece con claridade que os residuos xerados no marco dunha actividade económica son responsabilidade de quen os produce.
 
Cando un establecemento retira un electrodoméstico ou moble vello ao entregar un novo, ese residuo está vinculado á actividade comercial e debe xestionarse polas canles autorizadas. Non está permitido depositar estes refugallos na vía pública nin xunto aos contedores municipais, xa que o servizo municipal de recollida de voluminosos está reservado exclusivamente para os residuos domésticos dos fogares particulares. As empresas deben ademais poder acreditar documentalmente que realizaron unha xestión correcta.
 
No tocante aos aparellos eléctricos e electrónicos usados, están suxeitos a unha normativa específica que obriga aos establecementos do sector a participar nos sistemas de responsabilidade ampliada do produtor. Estes mecanismos garanten que o residuo chegue a instalacións de tratamento autorizadas, contribuíndo á recuperación de materiais e á protección do medio ambiente. O seu abandono na rúa, ademais de ilegal, implica a perda de recursos valiosos e un risco para a saúde pública.
 
O Concello advirte de que o abandono de residuos na vía pública poderá dar lugar á apertura de expedientes sancionadores conforme á normativa estatal, autonómica e á ordenanza municipal de limpeza e xestión de residuos. O obxectivo non é recadatorio, senón garantir que os custes de recollida e tratamento non recaian sobre os servizos públicos e, polo tanto, sobre a veciñanza.
 
Xunto a estas medidas de control, o Concello fai un chamamento á corresponsabilidade do tecido empresarial e comercial de Narón, lembrando que a correcta xestión dos residuos é tamén un compromiso co coidado do espazo público compartido e coa imaxe do municipio. Para calquera dúbida, os establecementos poden contactar co departamento de Servizos Básicos e Mantemento no teléfono 981 397 007 ou no correo electrónico servizosbasicos@naron.gal.
 
O Concello recorda que a cidadanía conta con diversos servizos para desfacerse de forma correcta e gratuíta dos seus residuos domésticos. A recollida domiciliaria de voluminosos pode concertarse chamando ao 981 391 074.
 
O punto limpo fixo de Río do Pozo atende de luns a venres de 9:00 a 13:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas e os sábados de 9:00 a 14:00 horas. Ademais, os puntos limpos de proximidade de Xuvia, Piñeiros, O Alto, Gándara e A Solaina permiten depositar pequenos materiais e pequenos electrodomésticos de xeito cómodo e descentralizado en distintos puntos do municipio.

Lea también

La plantilla de Pull&Bear Logística Narón exige que los beneficios de Inditex se reflejen en mejoras laborales

El comité de empresa repartirá este jueves una nota con sus demandas en el centro …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *