As Pontes licita o desbroce de máis de 224 quilómetros de estradas municipais

O Concello das Pontes aprobou o expediente de licitación dos traballos de desbroce e mantemento dos marxes das estradas de titularidade municipal, que abranguen unha rede viaria de máis de 224 quilómetros.

Esta actuación conta cun orzamento de 109.130 euros e ten como obxectivo principal mellorar a conservación ambiental e reforzar a seguridade viaria, evitando a degradación progresiva dos marxes das estradas causada polo crecemento descontrolado da vexetación.

A falta de mantemento nestes espazos favorece a proliferación de vexetación espontánea, a aparición de especies invasoras, o incremento da biomasa seca —co consecuente aumento do risco de incendios forestais—, así como problemas de drenaxe e procesos de erosión en cunetas, noiros e taludes.

Os traballos consistirán no desbroce e limpeza de herbas, matogueiras e arbustos en cunetas, bermas e noiros, empregando medios mecánicos e, de maneira complementaria, intervención manual nas zonas de difícil acceso ou onde non sexa posible a maquinaria.

A actuación organizarase en dúas fases: unha primeira entre os meses de maio e xullo, e unha segunda a partir de agosto, co fin de optimizar a planificación dos traballos e a utilización dos recursos dispoñibles.

O Concello das Pontes destaca que estas intervencións son fundamentais para garantir o bo estado da rede viaria municipal, mellorar a seguridade da circulación e previr riscos ambientais como incendios forestais, erosión do terreo e deterioro das infraestruturas.

Lea también

Ares acoge este sábado 12 una jornada de degustación de productos de la ría de Ferrol

La atividad, organizada por la Cofradía de Pescadores de Ferrol, tendrá lugar de 12:00 a …