Luz verde de Costas á intervención de posta en valor dos restos dunha fábrica de salgadura en Cedeira

A intervención está valorada nuns 5.600€ e vai servirá para explicar a importancia dunha industria que foi puxante na vila durante a primeira metade do século XX.

O Concello de Cedeira recibiu xa o permiso de Costas para abordar a posta en valor dos restos da fábrica de salgadura que quedaron á luz coas obras de rexeneración da praia da Madalena. O areal tivo ata sete factorías nas que se preparaba o peixe con sal para a súa conservación, todas desaparecidas entre os anos 1955 e 1960, e o feito de que se destaparan durante a citada intervención vai dar pé a esta intervención, coa que quedarán protexidos e á vista os restos e instalarase panel informativo sobre que supuso aquela industria na vila mariñeira de Cedeira.

Desde a Concellería de Cultura e Patrimonio explican que o que se destapou coas obras foron unhas cimentacións de tres dos muros da planta rectangular dunha daquelas fábricas, concretamente unha liña de quince metros de lonxitude e dúas perpendiculares de sete metros, cunha media de altura de 40 centímetros. Era, concretamente, a fábrica de salgadura de José Soto, co tempo e os cambios de donos chegou a ser máis coñecida na localidade como a do Xenio. Así está documentado no libro “Redes e peixes. Saberes dun mariñeiro”, de Javier Rodríguez Vergara.

A intervención prevista, deseñada polo equipo de Axa Arqueoloxía, consistirá en completar a excavación dos restos, proceder a súa limpeza e consolidación, e engadir dúas fiadas para darlle algo máis de altura ás estruturas e facilitar a súa interpretación. Na mesa informativa que se vai situar xunto aos restos haberá fotografías antigas e unha reprodución dixital de como era aquela planta en concreto, explicación do traballo que se facía nestas fábricas e datos que permitirán valorar a importancia daquela industria.

Trátase de poñer en valor unha parte da historia da localidade, dando a coñecer un patrimonio que explica tamén o que é hoxe o seu sector pesqueiro e marisqueiro, e por tando, a súa realidade socioeconómica. A intervención conta cun presuposto de 5.626,50€ (IVE incluído) e o Concello está xa unicamente á espera de recibir o visto bo de Patrimonio.

Lea también

Valdoviño refuerza plantilla con la incorporación de una auxiliar administrativa

El Ayuntamiento de Valdoviño refuerza la plantilla con la incorporación de una auxiliar administrativa. Carmen …