A Deputación da Coruña inviste máis de 145.000€ en converter os concellos en museos ao aire libre

O programa DP0040 de arte pública urbana financiará cinco grandes eventos de pintura mural en concellos de toda a provincia durante este 2026. O vicepresidente e deputado de Turismo e Promoción Económica, Xosé Regueira, destacou a importancia destas axudas para contribuír a unha disciplina «que permite visualizar un produto turístico atractivo». Localidades como Carballo, Ordes ou As Pontes consolidan a súa aposta por rexenerar espazos degradados mediante o talento artístico.

A Deputación da Coruña concedeu definitivamente o programa de axudas DP0040, destinado especificamente á realización de eventos de arte pública urbana na modalidade de pintura mural. Cunha partida total de 145.850,37 euros, a institución provincial reafirma o seu compromiso coa cultura de vangarda e a transformación estética do territorio.

Este programa ten como obxectivo principal apoiar os concellos na organización de festivais e certames que utilicen a pintura mural como ferramenta de dinamización turística e social. Grazas a estas subvencións, diversas fachadas e espazos públicos da provincia transformaranse en lenzos de gran formato, promovendo a recuperación de contornas urbanas e achegando a arte contemporánea á veciñanza de xeito gratuíto e accesíbel.

O vicepresidente e deputado de Turismo e Promoción Económica, Xosé Regueira, destacou a importancia desta liña de subvencións para contribuír a unha disciplina «que permite visualizar un produto turístico atractivo» e dirixido a un tipo de visitante ao que non se daba tanta atención hai uns anos.

Froito deste cambio de tendencia, a arte urbana «é un soporte para a creación artística en cada vez máis concellos da nosa provincia, que xa é unha referencia dentro e fóra das nosas fronteiras», subliñou Regueira.

Entre as iniciativas beneficiarias nesta edición destacan citas xa referentes a nivel internacional como o Rexenera Fest de Carballo ou o Cromatico Mural Fest de Cambre. Así mesmo, o programa apoiará proxectos de gran valor cultural como o Viladomar en Rianxo, o programa As Pontes enPEZAS e as intervencións artísticas no concello de Ordes, un dos pioneiros do muralismo en Galiza.

As subvencións concedidas cobren até o 80% do orzamento subvencionábel de cada evento, permitindo aos gobernos locais contratar a artistas de renome e organizar actividades paralelas que fomenten o espírito crítico e a identidade local a través da imaxe.

Concellos beneficiarios e contías das axudas concedidas para o exercicio 2026:

Concello de Carballo (Rexenera Fest 2026): 35.000,00 €

Concello de Ordes (Evento de Arte Pública 2026): 32.221,15 €

Concello das Pontes de García Rodríguez (As Pontes enPEZAS 2026): 28.784,23 €

Concello de Cambre (Cromático Mural Fest 2026): 27.924,99 €

Concello de Rianxo (Viladomar 2026): 21.920,00 €

Investimento total do programa: 145.850,37 €

Lea también

A Deputación da Coruña entrega na V Gala da Cultura os premios ós gañadores dos certames culturais´25

O teatro Colón acolleu a cita, presentada por Susana Pedreira e Xoán Fórneas e coa …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *