O auditorio Cine Alovi de As Pontes acolle PULSO un novo festival de jazz con selo galego

O evento celebrarase os días 8 e 9 de maio e reunirá tres propostas destacadas da escena galega nun formato que aposta pola escoita atenta e a música ao vivo.

O Concello das Pontes presenta PULSO, un novo festival que nace coa vontade de converterse nun punto de encontro arredor do jazz e da creación contemporánea en Galicia.

Durante os días 8 e 9 de maio, o auditorio Cine Alovi acolle a primeira edición deste encontro, pensado como un espazo para escoitar con calma e deixarse levar pola experiencia da música ao vivo, afastándose das présas e apostando por unha relación máis íntima co son e cos artistas.

Esta primeira edición reúne tres das propostas máis singulares e atractivas do jazz galego actual, configurando un cartel que destaca pola súa diversidade de linguaxes e sensibilidades. Desde a reinterpretación de repertorios clásicos de Copos de Avena ata a improvisación contemporánea da Orquestra Galega de Liberación, pasando pola hibridación de xéneros que propoñen Abe Rábade e Antía Muíño, PULSO ofrece unha panorámica rica e aberta da creación musical do país.

A concelleira de Cultura, Lorena Tenreiro, sinala que “PULSO nace coa intención de ofrecer unha proposta cultural diferente, centrada na escoita atenta e na calidade artística, creando un contexto no que o público poida conectar coa música dun xeito máis profundo”.

Ademais, subliña que “este festival é tamén unha oportunidade para visibilizar o talento musical galego e apoiar proxectos que exploran novas vías dentro do jazz e da creación contemporánea”. Na mesma liña, engade que “desde o Concello seguimos traballando para ampliar e diversificar a oferta cultural das Pontes con iniciativas que contribúan a consolidar o municipio como un referente cultural”.

A programación comezará o xoves 8 de maio ás 20:30 horas con Copos de Avena, un cuarteto que explora a herdanza da música latinoamericana desde a liberdade do jazz, combinando boleros, bossa nova e repertorio contemporáneo nun diálogo entre tradición e vangarda. A continuación, o escenario acollerá o encontro entre Abe Rábade e Antía Muíño, que constrúen un universo sonoro no que conflúen a canción de autor, o jazz e a música tradicional galega a través de piano, voz, guitarra e pandeireta, nunha proposta íntima e sensible.

A segunda xornada, o venres 9 de maio ás 20:00 horas, estará protagonizada pola Orquestra Galega de Liberación, dirixida por Xacobe Martínez Antelo, unha formación que traballa coa improvisación dirixida a través do soundpainting, un sistema de creación en tempo real que converte cada concerto nunha experiencia única, aberta e imprevisible.

Con esta primeira edición, PULSO sitúase como unha nova cita cultural nas Pontes, apostando pola creación contemporánea e pola conexión entre artistas e público a través dunha escoita máis consciente. As entradas para os concertos poranse á venda nos próximos días a través das canles habituais.

Lea también

Brillante inauguración en Exponav del 42º Salón de la Mujer en la Pintura de la Sociedad Artística Ferrolana

Inaugurada la 42ª edición del tradicional Salón de la Mujer en la Pintura de la …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *