Neda abre a preinscrición para realizar o “Camiño Inglés, por etapas”

Co Xacobeo 2027 no horizonte, o Concello de Neda proponse dar a coñecer entre a veciñanza a ruta de peregrinación que parte do porto de Ferrol con destino a Santiago pasando pola vila.

Para iso a administración local organiza o “Camiño Inglés por etapas”, unha iniciativa que se iniciaría os últimos sábados deste mes de xuño e se prolongaría ata o outono, permitindo aos participantes percorrer todo o itinerario de forma sosegada nun total de oito xornadas.

Co obxectivo de testar o interese da veciñanza nesta iniciativa, o Concello abre do 2 ao 9 de xuño o prazo de preinscrición na Casa do Concello ou na sede electrónica municipal. A proposta brinda a oportunidade de facer o Camiño en etapas curtas, que roldan os 15 quilómetros, con traslados en bus ata o inicio e dende o remate de cada ruta, e tempo de descanso entre camiñada e camiñada.

Así, a proposta municipal cubriría este mes (días 20 e 27) os treitos que discorren por Ferrolterra e Eume, é dicir, o percorrido entre Ferrol e Neda e o que hai entre Neda e Pontedeume. Seguirías os sábados 4 e 11 de xullo, coas etapas Pontedeume-Chantada (Paderne) e Chantada Presedo (Abegondo). Despois habería un parón ata setembro, retomándose “Camiño Inglés por etapas” na fin de semana seguinte á Festa do Pan de Neda.

Polo tanto, o sábado 12 de setembro os participantes camiñarían entre Presedo e O Castro (Ordes); e o 19, entre O Castro-Baxoia (Oroso). Por último, quedarían pendentes para outubro a camiñada entre Baxoia e Formarís (Santiago), prevista para o día 3, e sete días despois, un itinerario de apenas 8 km entre Formarís e a praza do Obradoiro.

O Concello de Neda porá en marcha a iniciativa, cun custo total de 80 euros por participante para cubrir parte do custo dos traslados e do seguro de accidentes, sempre e cando haxa un mínimo de 40 persoas interesadas. A iniciativa contará cun máximo de 50 camiñantes, tendo prioridade os veciños de Neda.

Lea también

O Curro da Capelada, Cedeira, vive unha nova Rapa

Concello de Cedeira e os besteiros teñen a intención de solicitar a declaración de Festa …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *