As Pontes pon en marcha unha nova canle de WhatsApp

O Concello das Pontes pon en marcha unha mellora no seu sistema de comunicación coa veciñanza co obxectivo de ofrecer unha información máis cómoda, actualizada e segura. A partir de agora, o servizo municipal de información por WhatsApp deixa de funcionar como lista de difusión e convértese oficialmente nunha Canle de WhatsApp.

Este cambio responde á actualización das normas de uso da propia aplicación, que substitúe progresivamente as antigas listas de difusión por canles específicas para a difusión de información institucional, garantindo unha comunicación máis ordenada e segura.

Unha vez que a veciñanza siga a canle “Concello de As Pontes”, a información municipal chegará directamente ao apartado de “Novidades” de WhatsApp. Ademais, activando a icona da campá, as persoas usuarias recibirán notificacións como se fosen mensaxes habituais, mellorando así a inmediatez da comunicación.

Máis privacidade, comodidade e información directa

Este novo sistema supón importantes vantaxes para a cidadanía:

  • Máis privacidade: nas canles non se comparte nin se visualiza o número de teléfono nin datos persoais das persoas seguidoras. A información é totalmente anónima entre usuarios.
  • Sen necesidade de gardar contactos: non é preciso gardar o número do Concello nin enviar mensaxes de alta ou baixa. Basta con seguir a canle para recibir a información.
  • Xestión sinxela da subscrición: cada persoa pode deixar de seguir a canle en calquera momento ou silenciala desactivando a campá para non recibir notificacións.
  • Información organizada e accesible: seguiranse difundindo avisos municipais, incidencias e información sobre eventos culturais, deportivos e de lecer, todo a través do espazo de “Novidades”.
  • Acceso a contidos recentes: as persoas novas seguidoras poderán consultar as actualizacións publicadas nos últimos 30 días.

Como unirse á canle

Unirse é moi sinxelo: só hai que acceder á seguinte ligazón e premer en “Seguir”:

https://whatsapp.com/channel/0029VbD4v9ZBKfhsTCZqr20p

Recoméndase activar a icona da campá situada na parte superior da canle para recibir notificacións inmediatas de cada nova publicación.

Aviso importante

O Concello das Pontes informa de que, a partir do 30 de abril, o antigo número de WhatsApp municipal 617 701 200 deixa de estar operativo como canle de comunicación institucional. Dende esa data, non se xestionarán nin recibirán mensaxes a través desta liña.

O Concello desvincúlase completamente do uso e da titularidade deste número a partir do 30/04/2026, polo que non se fai responsable de ningún uso posterior que poida realizarse do mesmo.

O Concello das Pontes continúa así avanzando na mellora dos seus canles de comunicación coa cidadanía, apostando por ferramentas máis modernas, seguras e eficaces para garantir unha información pública de calidade.

Lea también

Valdoviño celebra este domingo su Feirón mensual

Está organizado por la Asociación de Mulleres do Rural María del Mar Becerra con el …