O Concello de San Sadurniño activou a través da web www.emesports.es o formulario de inscrición na undécima popular, que percorrerá os arredores do centro urbano na mañá do domingo 7 de xuño.

O circuíto absoluto, de cinco quilómetros, volverá repetir o trazado das últimas edicións con saída e chegada na Cortiña despois de pasar pola Bidueda, Cornide, a estrada de Ortigueira e os xardíns municipais, mentres que os percorridos para as categorías máis novas estarán concentrados, con distintas distancias, nos sendeiros do arboreto de especies autóctonas. O prazo para apuntarse remata o día 1 de xuño ás 14:00h.
As categorías escolares —tanto masculina como feminina— competirán de balde (deberán inscribirse igualmente) compartindo un mesmo circuíto no centro do arboreto que unicamente variará o número de voltas: tres, con 900 metros en total, no caso de deportistas que nacesen entre 2011 e 2014 (categorías Sub 16 e Sub 14); dúas voltas -600 m- no caso de corredores e corredoras Sub 12 dos anos 2015 e 2016; e unha volta de 300 metros para as cativas e cativos Sub 10, dos anos 2017-2018.
Para a rapazada de Peques, nacida en 2019 e anos posteriores, organizarase unha proba adaptada cun tramo recto de 60 metros sobre o sendeiro principal, realizándose saídas en pequenos grupos segundo idades para garantir a seguridade.
En canto á carreira absoluta, o trazado levará ás persoas participantes polo paseo fluvial, a Bidueda -a recta de Metalfra-, cruzará de sur a norte Cornide e avanzará logo pola estrada de Ortigueira ata chegar á Casa do Concello. Alí comezará o tramo final, baixando polos xardíns municipais e pasando por diante do Mesón A Granxa antes de coller de novo o paseo fluvial con destino á meta.
Son 5 quilómetros en total, reservados para atletas Sénior (nacemento de 1991 a 2010), Máster 1 (anos 1985 a 1990), Máster 2 (nacemento entre o 1975 e o 1984) e Máster 3 (persoas nacidas antes de 1974). A saída conxunta daráselles ás 11:30h e haberá un tempo máximo de 50 minutos para completar o percorrido. Ás 11:00h dará comezo a carreira para Sub 14 e Sub 16, e tras aproba absoluta, desde as 12:20h iranse desenvolvendo as probas restantes —Sub 12, Sub 10 e Peques— cun intervalo de 15 minutos entre elas. A entrega de premios está prevista para arredor das 13:30h.
As inscricións teñen un custo de 5€ na Absoluta e son gratuítas para o resto de categorías. A data límite para anotarse é o luns 1 de xuño ás 14:00 horas, e non se admitirán rexistros o propio día da carreira.
O Concello de San Sadurniño conta coa colaboración técnica da Federación Galega de Atletismo, ademais da axuda do club BTT Biela e Chaveta, que irá abrindo e pechando a práctica totalidade das carreiras. Ademais tamén bota unha man a clínica de fisioterapia Fisio che ben, de Bardaos, que instalará un punto para recuperar o tono muscular tralo intenso exercicio. O evento está patrocinado pola Deputación da Coruña.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.