As Pontes aproba a licitación das obras de mellora do firme en Paipaz e As Gañidoiras

O Concello das Pontes vén de aprobar o expediente de licitación das obras de reparación e mellora do firme en Paipaz e As Gañidoiras, cun orzamento total de 66.579,07 euros.

A actuación desenvolverase en viarios situados en dous núcleos rurais do municipio, concretamente nas parroquias de Ribadeume e San Pedro de Eume. O obxectivo principal destas obras é mellorar o estado dos camiños, tanto a nivel superficial como estrutural, co fin de garantir unha maior comodidade e seguridade para a veciñanza.

Os traballos previstos inclúen, en primeiro lugar, actuacións de limpeza e acondicionamento, como o varrido das superficies e a limpeza das marxes. Tamén se levarán a cabo intervencións nos entronques con estradas existentes, onde se fresará ou demolerá o firme actual para asegurar unha correcta unión cos novos pavimentos.

Nas zonas máis deterioradas realizarase unha regularización previa do firme e procederase á reparación de fochas, co obxectivo de preparar a superficie para a nova capa de rodadura.

O afirmado dos camiños consistirá na extensión dunha capa de cinco centímetros de mestura bituminosa, que permitirá mellorar notablemente a resistencia e durabilidade do pavimento. Ademais, aplicarase un rego de adherencia para garantir unha correcta unión entre o firme existente e o novo.

Por último, o proxecto inclúe a renovación da sinalización horizontal, coa pintura de liñas de bordo nos tramos actuados, así como a colocación de sinais de STOP nas interseccións e o correspondente marcado no pavimento.

Con esta intervención, o Concello das Pontes continúa avanzando na mellora das infraestruturas viarias no rural, contribuíndo a reforzar a seguridade e a calidade de vida da veciñanza.

Lea también

El CD Rosalía de Vilaboa se proclama campeón del XXXIV Torneo de Fútbol de Ayuntamiento de Valdoviño

El CD Rosalía de Vilaboa se proclama campeón del clásico triangular sénior del XXXIV Torneo …