O próximo 10 de abril, ás 20:30 horas, a Escola Municipal de Danza do Concello das Pontes subirá ao escenario do teatro Colón coa súa última produción, “JOTHAM. A cidade do Jóker”.
O espectáculo transporta ao público a unha cidade onde cada esquina garda misterio e cada sombra agocha unha historia. A montaxe combina danza clásica e baile moderno, rendendo homenaxe tanto ao cómic como ás adaptacións cinematográficas do personaxe. “JOTHAM” presentouse anteriormente nas Pontes nos meses de xuño e decembro de 2025, acadando unha excelente resposta do público.
A escenografía, a iluminación e o son crean un espazo inmersivo, no que cada xesto e movemento busca mergullar á audiencia nunha experiencia cargada de emoción e tensión. A colaboración de Teatro o Catre reforza o carácter multidisciplinar da produción.
O director da escola, Jaime P. Díaz, sinala que “detrás deste espectáculo está o esforzo dun equipo que fai posible que a imaxinación cobre vida: profesorado, persoal técnico, alumnado e familias traballando de forma conxunta. Cada función é unha experiencia colectiva, unha invitación a explorar, sentir e emocionarse nun universo onde a creatividade e a paixón se atopan”.
Desde o Concello destacan que “é un orgullo ver como máis de 130 alumnas e alumnos levan o nome de As Pontes a un escenario como o Teatro Colón. Este espectáculo reflicte o talento, o esforzo e a dedicación dunha escola que non só destaca polo seu nivel artístico, senón tamén polos valores de compromiso e participación que transmite”.
Actualmente, a Escola Municipal de Danza conta con máis de 200 alumnas e alumnos, con idades que van dos 5 anos aos máis de 60, e destaca polo seu alto nivel artístico e o compromiso do alumnado e do equipo docente. O grupo que participará nesta función está formado por máis de 100 bailarinas e bailaríns de entre 10 e 60 anos.
Dende a Escola Municipal de Danza e Baile Moderno das Pontes subliñan a importancia formativa e inclusiva da escola e de que o alumnado teña a oportunidade de actuar en distintos escenarios: “Cada persoa contribúe ao noso proxecto, construíndo un espazo onde a danza, o compromiso e a paixón se atopan. Actuar fóra da escola, diante de novos públicos, permite ao alumnado crecer, experimentar e mostrar o seu talento, ao mesmo tempo que reforza a conexión coa comunidade. Sentimos moito orgullo do talento e da dedicación que vemos cada día no noso alumnado”.
O goberno local coincide na relevancia desta actividade, destacando que iniciativas como esta contribúen a dar visibilidade ao traballo da Escola Municipal de Danza e a reforzar a proxección cultural do municipio en Galicia.
As persoas interesadas en asistir poden retirar as invitacións gratuítas na páxina web do teatro Colón: http://www.teatrocolon.es/es/entradas/ asegurándose un lugar neste espectáculo inmersivo e emocionante.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
