A localidade polaca de Torun foi escenario durante o 27 de marzo ata o 2 de abril da disputa dos campionatos de Europa de Atletismo de pista curta á onde acudiron a tomar parte un total de dez atletas galegos.

Durante eses días de competición, os nosos atletas lograban un total de catorce medallas tanto nas probas individuais como nas de remudas (7 ouros, 5 pratas, 2 bronces).
O marchador Juan Manuel Morales, continúa ampliando o seu gran palmarés internacional que o levan a sumar un total de 27 medallas internacionais (12 en campionatos mundiais e 15 en europeas). Desta ocasión, o atleta do Marineda At. lograba tres novos títulos continentais de marcha na proba dos 3.000 m. cun rexistro de 12:19.2, nos 5 Km con 21:50, e a de equipos na distancia dos 5K.
Outra das novas importantes foi a do récord do mundo logrado polo equipo de remudas mixto X55 dos 4×200 m. na que tomaba parte o presidente-atleta do Atletismo Sada Fernando Míguez, quen xunto a Vallejo, Colás e Arroyo lograba rematar a proba cun rexistro de 1:46.08 que rebaixaba os 1:48.14 que tiña o equipo de EEUU desde o ano 2025. A maiores, concluía a súa participación neste campionato tomando parte nos 4×200 m. M55 nos que sumaba unha medalla de bronce e un novo récord de España con 1:43.30.
Por equipos, un combinado hispano do que formaba parte Damian Araujo, lograba un fantástico triunfo na proba dos 5K da categoría M35 nunha dura loita conta polacos e franceses.
Nas probas de velocidade tanto Sergio Rodríguez como María Mesías lograban subir ao podio por partida dobre. O guardés, volvía novamente ao podio dun campionato de Europa máster repetindo o metal de prata acadado en Madeira na súa distancia preferida, os 200 m. logrando ademáis, un récord galego con M35 con 21.89 (semifinal). Nas remudas 4×200 homes e xunto a Carmona, Díaz e Gil, sumaba un segundo metal, desta ocasión de ouro, cun crono de 1:31.33.
María Mesías pola súa banda, era outra das galegas que subían por partida dobre ao podio europeo, logrando a medalla de bronce na proba dos 200 m. F45 nunha gran carreira que remataba en 27.56, e a prata nas remudas 4×200 femininas. Sen abandoar as remudas femininas, Montse Fernández sumaba un importante logro ao seu palmarés ao formar parte do equipo 4×200 F55 que lograba a medalla de prata cun crono de 1:55.23 que ademáis supoñen un novo récord de España.
Na categoría M40 o velocista vigués Miguel Gómez, xunto aos atletas Erete, Dalí e Ballesteros, era outro dos galegos que voltaba cun título de Europa, desta ocasión, na proba dos 4×200 M40
O participante galego de máis idade, Pablo Fervenza (M70) sumaba dous subcampionatos por equipos nas modalidades dos 5K e do campo a través, ampliando outro non menos dilatado palmarés a nivel internacional.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.