A Biblioteca de Narón énchese este mes de actividades para celebrar o Día do Libro

Con gallo da celebración do Día do Libro, que se conmemora cada 23 de abril, a Biblioteca Municipal de Narón organiza ao longo deste mes unha ampla programación. Contacontos, teatro, intercambio de libros, visitas guiadas e unha exposición artística conforman unha axenda pensada para achegar a lectura desde múltiples perspectivas.
 
 
A concelleira de Bibliotecas de Narón, Olga Ameneiro, presentou “Abril, mes do libro”, destacando que “desde o Concello apostamos por converter a biblioteca nun espazo vivo e aberto á cidadanía, onde a lectura sexa o eixo vertebrador pero tamén un punto de encontro cultural para todas as idades”. Ameneiro subliñou ademais que “esta programación busca espertar o interese polos libros desde a primeira infancia e ofrecer alternativas de lecer cultural de calidade para as familias de Narón”.
 
A primeira cita será este sábado 11 de abril ás 11:00 horas coa actividade infantil “Un maletín cheo de bicos”, dirixida a nenos a partir de 4 anos. A sesión mesturará narración oral e un pequeno obradoiro creativo arredor do mundo dos bicos, nun formato dinámico e participativo. Para asistir será necesario reservar praza a partir do martes 7 ás 16:00 horas. Un dos eixos do programa será tamén a exposición “Luz, color y mar”, da pintora Bronwen Sarah Griffith, que poderá visitarse do 13 de abril ao 9 de maio na sala multiusos da planta soto.
 
A mostra reúne 48 óleos inspirados na paisaxe costeira da comarca e nos cambios de luz e atmosfera do mar galego. Abrirá de luns a venres en horario de tarde e os sábados pola mañá. Ademais, o venres 24 de abril a propia artista ofrecerá unha visita guiada, con inscrición previa. Entre o 20 e o 25 de abril volve o “Trocolibro”, unha proposta xa consolidada que invita ao intercambio libre de exemplares entre as persoas usuarias. A dinámica é sinxela: haberá unha mesa na planta baixa onde se poderá coller un libro —mesmo sen deixar outro a cambio— cun máximo dun exemplar por persoa.
 
A iniciativa tamén se desenvolverá na Axencia de lectura da Gándara. Precisamente arredor do Día do Libro concentraranse outras actividades destacadas. O xoves 23 e o venres 24 haberá xornadas de portas abertas con visitas guiadas tanto á biblioteca central do Alto como á propia axencia da Gándara. Será unha oportunidade para coñecer de preto os espazos, servizos e funcionamento dun equipamento que vai moito máis alá do préstamo de libros.
 
O sábado 18 de abril ás 11:00 horas será a quenda de “Estás como unha cabra”, unha proposta para bebés de entre 6 e 36 meses da man de Noelia Porto, de Lalá Teatro. A través de contos, música e estímulos sensoriais, a sesión propón un achegamento ás emocións nun ambiente pensado para gozar en familia. As prazas deberán reservarse desde o 14 de abril. A programación inclúe tamén unha cita para público adulto: o venres 24 ás 19:30 horas, Avelino González presentará “Chistes que foron contos”, un espectáculo de narración oral que recupera historias populares, anécdotas e lendas cun ton entre o humor e a memoria colectiva.
 
A entrada será libre ata completar a capacidade da sala. Como peche, o sábado 25 de abril ás 11:00 horas terá lugar “Trasnadas”, unha sesión de contacontos para público infantil e familiar a partir de 3 anos, a cargo de Ana Carreira. Os trasnos —eses personaxes travesos da tradición— serán os protagonistas dun encontro cheo de imaxinación e pequenas falcatruadas.
 
As inscricións abriranse o martes 21. En todas as actividades con reserva previa será necesario dispoñer do carné da rede de bibliotecas sen sancións e formalizar a inscrición de maneira presencial ou a través do teléfono 981 38 21 73 en horario de apertura da Biblioteca.

Lea también

Club Arco Narón cumple 25 años

Club Arco Narón celebra el XXV aniversario de su nacimiento y así lo relatan desde …