No marco do programa municipal ‘Narón adestra en igualdade’, financiado con cargo ao Pacto de Estado contra a violencia de xénero, o Concello de Narón organiza a proxección do documental «Hijas de Cynisca», unha obra de referencia sobre a loita pola igualdade no ámbito deportivo.
Segundo adiantou a edil de Igualdade, María Lorenzo, a cita terá lugar este próximo venres 10 de abril, ás 18:00 horas, no Pazo da Cultura de Narón, con entrada gratuíta ata completar capacidade.
Dirixido pola guionista e produtora Beatriz Carretero, este filme —estreado en 2019— afonda na desigualdade de xénero no deporte a través dos testemuños de 13 mulleres referentes nas súas respectivas disciplinas. O documental aborda cuestións como a vulneración de dereitos, a falta de visibilidade, as diferenzas salariais ou o tratamento desigual nos medios de comunicación, poñendo o foco tamén na excesiva atención sobre a aparencia física das deportistas.
Entre as protagonistas destacan figuras tan recoñecidas como a deportista de natación sincronizada Ona Carbonell, a levantadora de pesas e campioa olímpica Lydia Valentín, a xogadora de balomnán Carmen Martín ou a ximnasta Almudena Cid, que reflexionan sobre as desigualdades existentes e propoñen medidas para avanzar cara a unha maior equidade.

Hijas de Cynisca conta cun destacado percorrido en festivais, onde acadou diversos recoñecementos, entre eles premios ao mellor documental e galardóns internacionais en certames de países coma os Estados Unidos, Italia ou Arxentina. En total, suma varios premios —oito deles internacionais— que avalan o seu impacto e relevancia. A proxección enmárcase na aposta do Concello de Narón por promover a igualdade no deporte e sensibilizar a cidadanía a través de propostas culturais que invitan á reflexión e ao debate social.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.

