O XVI Concurso de Tapas de Fene celebrarase con sete establecementos participantes

As propostas poderán degustarse por 2,50 euros en horario de fin de semana. O certame contará con premios para a clientela e para os establecementos, con recoñecementos do xurado e da votación popular.

O Concello de Fene celebrará entre os días 10 e 19 de abril a décimo sexta edición do Concurso de Tapas de Fene, unha iniciativa de dinamización gastronómica e apoio ao sector hostaleiro que nesta ocasión contará coa participación de sete establecementos do municipio.

O certame desenvolverase en horario de fin de semana: os venres, de 20.00 a 22.00 horas; os sábados, de 13.00 a 15.00 e de 20.00 a 22.00 horas; e os domingos, de 13.00 a 15.00 horas. As tapas terán un prezo único de 2,50 euros.

Nesta edición participan os seguintes locais e propostas gastronómicas: Arrecendo, con Explosión de Carrillada; A Cantina da AVV de Limodre, con Taco do Mar; Amarizaflor, con Amarizaflor; Cafetería Bombay, con Tosta de Carne e Pasas; Lembranza, con Caprese do Corral; O Son da Cociña, con O Faro do Son (non dispoñible o día 12); e Pachamama, con Cojonudo Pachamama.

A presentación do cartel desta edición correu a cargo da alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, e da concelleira de Promoción Económica e Turismo, Ángeles Coira, que destacaron a consolidación desta cita como unha proposta que combina gastronomía, dinamización económica e promoción do comercio local.

Premios para a clientela

O concurso contará cun amplo programa de premios dirixidos á clientela. Entre todas as persoas que completen correctamente a ruta de tapas (FENERRUTA) sortearanse diferentes agasallos, entre os que destaca unha viaxe a escoller entre varios destinos, así como estancias en establecementos hoteleiros, ademais de outros premios como limpeza da tapicería de vehículos ou subscricións deportivas.

Así mesmo, entre as tarxetas cubertas nos propios establecementos sortearanse electrodomésticos, produtos gastronómicos, clases de música, libros de cociña e maletas de viaxe, entre outros premios.

Premios para os establecementos

Os locais participantes optarán tamén a premios nas categorías de tapas campioas e subcampioas, tanto por voto do xurado como por votación popular. Os galardóns inclúen trofeos, diplomas e lotes de produtos, grazas á colaboración de diferentes empresas.

Desde o Concello de Fene sublíñase que estes premios son posibles pola implicación das entidades colaboradoras, que contribúen a enriquecer a proposta e a reforzar o atractivo do certame.

O goberno municipal anima á veciñanza e ás persoas visitantes a participar nesta nova edición do Concurso de Tapas, percorrendo os establecementos e apoiando a hostalaría local, nunha iniciativa que conta co apoio da Deputación da Coruña e contribúe a dinamizar a vida social e económica do municipio.

Lea también

Neda convoca un proceso de selección urgente para nombrar a un trabajador social interino

El Ayuntamiento de Neda convoca a concurso público para la designación urgente de un funcionario …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *