Valentín González Formoso visita nas Pontes as obras da primeira residencia de saúde mental de Ferrolterra

O presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, visitou as obras da futura residencia de saúde mental que a Asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal constrúe no municipio pontés, un proxecto que conta co apoio económico da Deputación da Coruña cunha achega de 500.000 euros.

Durante a visita, Formoso estivo acompañado polo presidente da Asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal, Félix Pena; pola concelleira de Benestar Social das Pontes, Tania Pardo; pola deputada de Política Social da Deputación da Coruña, Mar García Vidal, e polo arquitecto responsable do proxecto, Felipe Picos, que explicou os avances das obras desta nova Unidade Residencial, que xa están tomando forma cunhas obras ao 70% de execución.

O centro, situado nunha parcela de preto de 2.700 metros cadrados no lugar de Feáns, nas inmediacións da Fraga, terá capacidade para 25 persoas. O presidente provincial destacou a importancia social desta iniciativa, que permitirá cubrir unha carencia histórica na comarca. “Trátase dun proxecto que ilusiona a toda unha comarca para mellorar a atención ás persoas con problemas de saúde mental nun territorio de 21 concellos no que, ata agora, non existía unha residencia destas características”, sinalou.

Formoso subliñou tamén o valor da colaboración institucional que fai posible este proxecto, no que participan diferentes administracións públicas- Deputación da Coruña, Concello das Pontes, Xunta de Galicia e Goberno de España- xunto coa entidade social promotora. “Este centro é un exemplo de cooperación entre administracións e sobre todo da ilusión, a forza e a determinación dunha entidade que foi capaz de convencernos da necesidade deste proxecto e de arriscar tamén personalmente, porque parte da financiación é das propias familias”, destacou.

“Para a Deputación e Concello das Pontes é unha satisfacción contribuír a facer realidade un servizo tan necesario para toda a comarca”, afirmou Formoso, que destacou ademais que a posta en marcha da residencia suporá tamén un impacto positivo no emprego local, coa creación de arredor de vinte postos de traballo especializados vinculados á atención sociosanitaria.

Pola súa banda, o presidente da Asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal, Félix Pena, agradeceu o apoio da Deputación e destacou que a futura residencia permitirá ofrecer un modelo de atención centrado na persoa, orientado á autonomía e á integración comunitaria das persoas usuarias.

“Prevemos que o centro entre a funcionar a partir de xaneiro de 2027 e vanse ocupar todas as prazas porque existe unha demanda moi importante”, afirmou o presidente da entidade, que explicou a necesidade que teñen as familias dun centro coma este, “que será o cuarto centro en Galicia destas características”.

A nova Unidade Residencial funcionará cun modelo similar ao dun fogar tutelado, favorecendo unha convivencia normalizada nun entorno próximo a instalacións deportivas, cultuaris, ao centro urbano e a espazos naturais.

O edificio contará con habitacións dobres e individuais, todas elas con baño, ademais de espazos comúns destinados ao ocio, obradoiros e actividades terapéuticas, así como cociña, un gran salón comedor con amplos ventanais, almacén, zona de enfermería e zonas administrativas. Na traseira da parte baixa, o inmoble dispón dun amplo patio diáfano, que permite o acceso de vehículos e que no futuro permitiría incrementar nun 30% a capacidade do centro ou dotalo dun centro de día.

Entre os servizos que ofrecerá destacan programas individualizados de atención especializada, apoio ás familias, asistencia nas actividades da vida diaria, terapia ocupacional, estimulación cognitiva, rehabilitación funcional e atención psicolóxica.

A Asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal está integrada por persoas con enfermidade mental, familiares e profesionais do ámbito sociosanitario. A entidade desenvolve desde hai décadas un importante labor de atención e apoio ás persoas con trastornos mentais na comarca, xestionando na actualidade centros de rehabilitación psicosocial e laboral e un centro ocupacional.

Coa construción desta residencia, a comarca de Ferrolterra, Eume e Ortegal contará por primeira vez cun recurso residencial específico para persoas con problemas de saúde mental, contribuíndo a mellorar a súa calidade de vida e a reforzar a rede de atención sociosanitaria do territorio.

Lea también

Nova edición da Universidade Sénior da UDC nas Pontes con máis de 80 participantes

Onte lúns celebrouse na Casa Dopeso de As Pontes a inauguración da oitava edición do …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *