A presentación oficial celebrouse no castelo, coa presenza do vicepresidente da Deputación da Coruña e representantes de Lácteos de Moeche, da queixería Bisqato e o Concello de Moeche.
O tecido asociativo, a hostalería e representantes da corporación municipal de Moeche déronse cita na mañá deste martes no castelo para asistir á presentación da VIII Feira do Queixo, que se celebrará o domingo 15 no recinto feiral. Por primeira vez este ano organízase unha xornada previa, o sábado 14, para facer a inauguración oficial, na que se presentará a queixería convidada e se celebrará a I Foliada do Queixo, aínda que os postos de exposición e venda non abrirán ao público ata o día 15. Outra das novidades é a presenza na feira do Mercado de Artesanía Agroalimentaria que desenvolve, baixo a marca “A paisaxe que sabe”, a Deputación da Coruña.
Precisamente o vicepresidente da institución provincial, Xosé Regueira, participou no acto no castelo xunto con representantes de Lácteos de Moeche e da queixería artesá Bisqato; a concelleira de Desenvolvemento Local, Cristina García Rey, e a alcaldesa, Beatriz Bascoy.
Regueira louvou o que ten conseguido o Concello con esta feira e destacou que “hai moi poucos cun orzamento como o de Moeche que se atrevan a sacar adiante un evento tan importante”. Con respecto ao mercado que levará á feira a Deputación, o vicepresidente explicou que o seu obxectivo é “que produtores e produtoras doutros subsectores da cadea agroalimentaria da provincia saiban desta feira e saian dela pensando en volver”.
O xerente de Lácteos de Moeche, Domingo Pérez, referiuse á feira de Moeche como a máis importante para a súa queixería, que colabora tamén co Concello nas degustacións que se celebran estes días en diferentes establecementos de hostalería da zona. Pérez -que incidiu en que a súa empresa conta xa coa certificación IFS Progress Food, un selo europeo que permite a venda en grandes superficies- animou á participación neste evento, no que unhas das protagonistas será a súa variedade Brandiño.
Na presentación interveu tamén María Veiga, da queixería Bisqato, de Guitiriz, que lembrou que o Concello de Moeche invitounos a participar na feira “cando aínda non nos coñecía ninguén” e que é unha asidua desde entón. Veiga puxo en valor o que representa esta oportunidade para as empresas de pouco tamaño, que teñen máis problemas para asistir a feiras de dous ou tres días de duración pola falta de infraestrutura. “Nós temos que facelo todo por nós mesmos, por iso agradécese que concellos como o de Moeche pensen nos pequenos produtores”.
Pola súa banda, a alcaldesa, Beatriz Bascoy, lembrou que os obxectivos da feira son poñer en valor o sector primario e dinamizar o recinto feiral para darlle vida máis alá das feiras mensuais, engandindo que o Concello continúa apostando “polas gañadeirías e queixerías que traballan no territorio”. Foi a alcaldesa a responsable de detallar un programa pensado “para que a xente teña ganas de vir, de pasar o día en Moeche e de comer nos nosos bares e restaurantes, ademais de mercar o queixo”.
A completa programación deste ano comezará o sábado 14 ás 19:30 horas, coa recepción á queixería convidada, que nesta ocasión é a asturiana Temia, da Denominación de Orixe Protexida Afuega’l Pitu. A continuación celebrarase a I Foliada do Queixo, á que poñerán música as agrupacións No Cómbaro, de As Pontes; Tocata Xou, de As Somozas, e a Escola de Gaitas de San Sadurniño.
O día da feira a actividade dará comezo ás 10:00 coa apertura dos postos dos 67 expositores que participan nesta oitava edición. Deles, 35 son queixerías chegadas de Galicia (20) e de diferentes puntos do Estado (14), xunto cun espazo de venda reservado para a presenza internacional, con produtos procedentes de Italia, Suíza e Francia. O resto son postos de produtos agroalimentarios.
A feira permanecerá aberta ata as 19:00 horas e durante toda a xornada haberá unha intensa programación complementaria: sorteos, mostras de cociña, obradoiros infanơs, catas comentadas, musica… Como en anos anteriores, o Tren do Queixo sairá ás 10:45 da estación de Ferrol para trasladar gratuitamente a todas as persoas interesadas, que teñen á súa disposición catro horarios de volta -ás 13:15, 17:15, 19:05 e 20:55- collendo un autobús que os levará ata a estación de Moeche. No espazo do Mercado da Deputación o prestixioso cociñeiro André Arzúa fará demostracións de cociña ás 11:30, as 12:30 e as 13:30 horas.
Na carpa de actividades o mestre queixeiro Alejandro Valladares ofrecerá catas comentadas ás 12:00 e ás 13:15 e neste mesmo lugar será no que se desenvolverán os obradoiros infantis de elaboración de queixo (ás 12:00 e ás 16:30) e os de cerámica dirixidos tanto a nenos e nenas como a persoas adultas (ás 13:15 e ás 16:30 horas).
Os sorteos de lotes de produtos da feira terán lugar no escenario principal da nave do mercado ás 14:15 e ás 19:00 e en canto á actividade cultural incluirá a actuación no recinto feiral do cuarteto tradicional de gaitas Gaiteiros Fiúncho (13:00) e de Peter Punk Pallaso, un espectáculo infantil que terá lugar na carpa de actividades.
A xornada concluirá co concerto de De Ninghures, financiado pola Deputación da Coruña, que comezará ás 19:30 no mercado da institución provincial. O público asistente á feira poderá gozar tamén dunha visita ao castelo de Moeche que se realizarán en dous horarios. Os autobuses para asistir a este percorrido sairán ás 11:45 e as 16:30. Ademías durante a fin de semana pódese visitar unha mostra de madeira, pintura, cestería e cantería.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.


