Narón será punto de partida e chegada o próximo sábado 28 de febreiro da súa primeira marcha brevet, unha proba de ciclismo de longa distancia que leva por nome “Dende Narón á Terra Chá”.
A cita está organizada polo Club Ciclista Riazor co apoio do Concello de Narón e da A.D. Náutico Narón, e contará coa participación de arredor de 70 ciclistas chegados de diferentes puntos de España e Portugal.
A proba foi presentada este xoves polo concelleiro de Deportes de Narón, Ibán Santalla, acompañado polo presidente da A.D. Náutico Narón, Amando Guerrero, e polo responsable da sección randonneur do Club Ciclista Riazor, Manuel Fuentes. A saída está prevista ás 8:00 horas desde o pavillón da Mocidade da Gándara, punto ao que tamén regresarán os participantes tras completar os 200 quilómetros do percorrido.
Trátase da distancia máis curta dentro das brevets homologadas, unha modalidade de ciclismo non competitivo baseada na resistencia e na autonomía dos participantes. Segundo explicou Manuel Fuentes, o Club Ciclista Riazor é actualmente o único club de Galicia que conta coa homologación necesaria para organizar este tipo de probas, integradas no calendario oficial randonneur.
O itinerario deseñado presenta un desnivel positivo moderado e discorrerá por diferentes concellos das comarcas de Ferrolterra, Eume e A Terra Chá. Así, os ciclistas pasarán por As Pontes, Vilalba, Castro de Rei, Rábade, Montesalgueiro, Pontedeume e Ares antes de regresar novamente a Narón
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
