A Deputación da Coruña aproba axudas por valor de 770 000€ para persoal técnico de cultura

A Deputación da Coruña vén de facer pública a resolución provisional do programa de subvencións FO206, destinado a financiar os gastos de persoal técnico nos servizos municipais de cultura durante o exercicio 2026. Esta liña de axudas conta cunha partida orzamentaria que permite dar soporte a unha ampla rede de profesionais en toda a provincia, garantindo a dinamización cultural e a xestión técnica de calidade nos concellos e entidades locais menores.

A deputada de Cultura, Natividade González, destaca que se trata dun programa «fundamental para garantir que a cultura chegue a todo o territorio, especialmente aos concellos máis pequenos», e subliña a importancia desta convocatoria para asegurar o funcionamento dos servizos culturais municipais ao longo do ano. González engade que «o noso obxectivo é claro: fortalecer os servizos municipais de cultura, profesionalizar a súa xestión e garantir programacións estábeis, accesíbeis e de calidade en toda a provincia».

As subvencións para postos de técnico de xestión cultural a tempo completo sitúanse en 14 895 euros, mentres que para o persoal de animación sociocultural a contía ascende a 9 650 euros. Deste xeito, repartiranse 769 278,93 euros a un máximo de 63 entidades locais.

González sinala que «esta convocatoria permite apoiar tanto postos de animación sociocultural como de xestión cultural, reforzando estruturas profesionais estábeis nos concellos», e incide en que a resolución provisional evidencia «a consolidación dun modelo de cooperación institucional que aposta pola cultura de proximidade».

Dentro da modalidade destinada ao persoal de animación sociocultural, resultaron beneficiarios provisionais 25 concellos: Ames, Arzúa, Bergondo, Boimorto, Cabanas, Camariñas, Carral, Fene, Fisterra, Frades, Laxe, Mañón, Melide, Mugardos, Muros, Neda, Oleiros, Outes, Paderne, Padrón, Sada, Santiso, Touro, Trazo e O Pino, así como o Padroado da Cultura do Concello de Narón. Estas axudas permiten que as administracións locais manteñan programas de proximidade e actividades de lecer educativo e cultural nas súas respectivas vilas.

Pola súa banda, na modalidade de xestión cultural, as axudas provisionais recaen nos seguintes 25 municipios: A Pobra do Caramiñal, Abegondo, Betanzos, Boiro, Brión, Cabana de Bergantiños, Cee, Coirós, Culleredo, Dodro, Lousame, Mazaricos, Miño, Noia, Porto do Son, Ribeira, Rois, San Sadurniño, Teo, Toques, Tordoia, Valdoviño, Vedra, Vilasantar e Vimianzo, ademais da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes. Cabe destacar que o Concello de Boiro viu unha das súas solicitudes descartada por duplicidade, manténdose a que resultou favorábel neste listado.

A deputada explica que, aínda que a demanda superou o crédito inicial previsto, aplicouse unha redución proporcional das contías para que todas as entidades que cumpren os requisitos poidan contar con apoio económico. «Isto demostra o compromiso da Deputación coa equidade territorial e co mantemento do emprego técnico cultural», afirma.

A resolución inclúe tamén un apartado de concesións condicionadas para os concellos da Baña, Carballo, Carnota, Dumbría, Irixoa, Malpica de Bergantiños, Ordes, Pontedeume, Ponteceso, Rianxo e Sobrado dos Monxes.

A partir da publicación desta resolución no Boletín Oficial da Provincia, ábrese un prazo de dez días hábiles para que as entidades interesadas poidan presentar alegacións, emendar erros ou comunicar a súa desistencia. No caso de non producirse comunicación algunha, a subvención entenderase como aceptada tacitamente, procedendo así cara á resolución definitiva que xerará o dereito de cobro para os beneficiarios propostos.

González conclúe lembrando que «seguimos a traballar para que a cultura sexa un dereito e un servizo público esencial, vertebrador do territorio e xerador de cohesión social».

Lea también

Los GES de Galicia reclaman en una concentración en Lugo que Xunta y diputaciones asuman estos servicios

Bomberos de toda la comunidad ocuparon la explanada ante el Pazo de San Marcos y …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *