A Deputación da Coruña pechou a súa participación en Madrid Fusión 2026 amosando o que define como «o Silicon Valley» que supón a enogastronomía da provincia: unha cadea de valor baseada no talento profesional, na innovación, no coñecemento e na calidade do produto local.

A institución estaca a elevada afluencia de público ao longo das tres xornadas e o interese suscitado polos produtos e o talento gastronómico da provincia. A presenza nesta feira de referencia internacional serviu para reforzar a campaña ‘A paisaxe que sabe’ como marca dun territorio que entende a gastronomía como un elemento estratéxico de identidade, desenvolvemento e proxección exterior.
O vicepresidente da Deputación e responsábel das áreas de Turismo e Promoción Económica, Xosé Regueira, subliña que a participación en Madrid Fusión responde a unha traxectoria consolidada. Segundo lembra, hai aproximadamente catro anos a enogastronomía converteuse no primeiro produto turístico da provincia da Coruña, o que levou a institución a estar presente de maneira continuada en eventos de referencia, tanto a nivel galego como internacional, até situarse hoxe «nun dos máis importantes do Estado como é Madrid Fusión».
Para Regueira, a cadea de valor da enogastronomía da provincia é «o noso verdadeiro Silicon Valley», un ecosistema baseado no coñecemento, no talento profesional e na calidade do produto, que cómpre coidar, protexer e aproveitar, especialmente no mercado internacional. Nese contexto, a Deputación levou ao certame un elenco de produtores e exemplos representativos da restauración provincial, cunha presenza territorial ampla e diversa, que permitiu amosar a fortaleza dun sector que abrangue desde a produción primaria até a alta cociña.
Ao longo das tres xornadas, centos de persoas achegáronse ao posto da Deputación para coñecer de primeira man a diversidade da despensa coruñesa, tanto do mar como da terra, e as múltiples posibilidades de transformación e reinterpretación culinaria. A resposta do público profesional confirma, segundo Regueira, «o interese crecente polos produtos de proximidade, pola súa trazabilidade e a capacidade de contar unha historia vencellada á paisaxe e á cultura gastronómica».

As presentacións e degustacións sucedéronse desde a xornada inaugural, con referencias xa consolidadas como as Gallegas de Nata da Coruña, La Despensa D’Lujo de Coristanco, as conservas de A Conserveira, os queixos de Galmesán, os produtos da horta de Os Biosbardos de Cambre ou as elaboracións da marca santiaguesa Chichalovers. A combinación de propostas permitiu amosar non só a calidade da materia prima, senón tamén a súa versatilidade e as posibilidades de colaboración entre empresas do propio territorio.

A cociña en directo tivo un papel central na programación, cunha sucesión de demostracións que combinaron tradición e reinterpretación contemporánea. Nas primeiras xornadas, Fabián Mouzo e Lara Alvarellos, do restaurante O Camiño Fala de Mazaricos, reivindicaron a cociña ligada á memoria e ao receitario popular, con elaboracións como os callos ao estilo de Carnés ou as albóndegas de atún en salsa verde.
Pola súa banda, Silvia Facal e Rafa Varela, do restaurante Balarés de Ponteceso, ofreceron unha ollada máis actual á despensa mariña, poñendo o foco no produto de baixura e na súa conexión co Atlántico. Precisamente, na segunda xornada da feira, recolleron o premio ao hotel con mellor almorzo que concede a organización de Madrid Fusión.
Xunto á vertente culinaria, a programación incorporou tamén accións divulgativas, con relatorios e catas a cargo do sumiller e formador Alejandro Paadín, que permitiron afondar nos viños das indicacións xeográficas protexidas Terras do Barbanza e Iria e Betanzos, así como noutros proxectos enoturísticos da provincia. Para Regueira, esta dimensión resulta clave para explicar que “a paisaxe tamén se bebe” e que o viño forma parte esencial da identidade gastronómica do territorio.

A xornada final contou coa participación da chef Lucía Freitas, cunha estrela Michelin, que protagonizou dúas demostracións nas que combinou produtos da provincia en propostas de alta cociña vencelladas ao territorio, pechando así unha programación marcada pola excelencia profesional e pola coherencia co relato de ‘A paisaxe que sabe’.

Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.