As bolsas para cursar un máster no Campus Industrial de Ferrol atraen a alumnado de Colombia, Cuba, Ecuador e de Guinea Ecuatorial

Foto: de esquerda a dereita, Laura Camila, Alvin, Amanda, Ernesto David, Liany, Thalia e Edrian Christian, na cafetería do Campus Industrial de Ferrol.

Liany Mederos Pérez ( Santa Clara, Cuba – 1998), Thalía Castillo Naranjo (La Habana, Cuba – 2000), Amanda Martí Coll (La Habana, Cuba – 1998), Ernesto David González Nasco (Artemisa, Cuba – 1997), Edrian Christian Mogrovejo Moran (Los Ríos, Ecuador – 1999), Laura Camila Velasco Ortega (Bogotá, Colombia – 2000), e Alvin de Armas Llanes (La Habana, Cuba – 1998) están a cursar cadanseu máster na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e na Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI) grazas á convocatoria de bolsas de máster para alumnado estranxeiro do Campus Industrial de Ferrol, pertencente á Universidade da Coruña (UDC).

Neste curso 2025/26 concedéronse un total de 9 bolsas, 7 delas na modalidade presencial e 2 para cursar os estudos de máster en liña. As bolsas da modalidade presencial están destinadas a financiar os custes da matrícula, da viaxe e da estadía (manutención e aloxamento – 600 euros/mes por un período de 9 meses de setembro de 2025 a maio de 2026). No caso de cursar o máster en liña, a bolsa só cobre os gastos derivados da matrícula (60 créditos ECTS).
Nesta última situación están Nadiusca Marta Achama Nzo Eyang e Solange Belén Ayingono Sima Nguema, ambas as dúas de Guinea Ecuatorial.

A Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) acolle a Liany e a Edrian Christian quen estudan o máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos, a Amanda e a Ernesto David, estudantes do máster en Informática Industrial e Robótica, a Laura Camila, alumna do máster en Tecnoloxía Téxtil e Moda Sustentable, e, por último, a Alvin, Nadiusca Marta  e Solange Belén, quen cursan o máster en Eficiencia Enerxética e Sustentabilidade.

Pola súa banda, a Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI), acolle a Thalía, alumna do máster en Enxeñaría de Deseño Industrial.

Un total de 38 estudantes estranxeiros beneficiados desde o curso 2021/22

Incentivar a súa internacionalización. Este é o principal obxectivo da convocatoria de bolsas de máster para alumnado estranxeiro do Campus Industrial de Ferrol. Desde a súa posta en marcha, no curso 2021/22, a
iniciativa ten beneficiado a 38 estudantes (32 na modalidade presencial e 6 na modalidade en liña) procedentes de Arxentina, Colombia, Cuba, Ecuador, Guinea Ecuatorial, Perú e Vietnam.

Tal e como recollen as bases da convocatoria, poderá optar a unha destas bolsas o alumando estranxeiro interesado en cursar o máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos, de Eficiencia Enerxética e Sustentabilidade (presencial / en liña), en Informática Industrial e Robótica, en Fabricación Aditiva, en Tecnoloxía Téxtil e Moda Sustentable (presencial / en liña), en Enxeñaría Industrial, en Enxeñaría Naval e Oceánica e, por último, en Enxeñaría de Deseño Industrial.

Todos estes títulos da Universidade da  Coruña (UDC) impártense na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e máis na Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI).

Lea también

La conselleira de Vivenda ha anunciado en Ferrol la apertura del plazo para solicitar el ‘Aval Mozo’

La conselleira de Vivienda, María Martínez Allegue, anuncia desde Ferrol una partida de 5 millones …