Narón reafirma o seu compromiso coa memoria histórica no acto polo Día das Vítimas do Holocausto

O Concello de Narón celebrou este 27 de xaneiro, no Salón de Plenos, o acto central en lembranza das vítimas do Holocausto, organizado en colaboración coa Asociación Memoria Histórica Democrática (AMHD), no que o alumnado do IES As Telleiras protagonizou o encendido simbólico das velas en homenaxe ás persoas asasinadas pola Alemaña nazi.

O acto estivo presidido pola alcaldesa, Marián Ferreiro, e contou coa presenza da Fiscal Superior de Galicia, Carmen Eiró Bouza maila fiscal delegada en materia de Dereitos Humanos e Memoria Democrática da Fiscalía Provincial da Coruña, María Encarnación Mayán Santos. Estiveron tamén presentes no acto os portavoces dos grupos municipais ademais da concelleira de Ensino e representantes da Asociación Cultural Sementeira, que amenizou musicalmente o acto.

Durante a súa intervención, a rexedora destacou a importancia de manter viva a memoria colectiva e agradeceu o labor da AMHD na organización destas iniciativas. “Honrar a memoria das vítimas é un acto de responsabilidade histórica e cidadá”, sinalou, lembrando ás millóns de persoas asasinadas e, en particular, aos máis dun cento de galegos e galegas deportados a campos de exterminio como Mauthausen.

O alumnado de 4º da ESO do IES As Telleira procedeu ao acendido de seis velas

No momento central da homenaxe, o alumnado de 4º da ESO do IES As Telleiras, guiado polo relato do secretario da AMHD e historiador Enrique Barreda, procedeu ao acendido de seis velas, en recordo dos seis millóns de xudeus asasinados, do millón e medio de menores vítimas do Holocausto, dos españois deportados e asasinados nos campos de concentración, dos restantes colectivos perseguidos polo réxime nazi, dos xustos entre as nacións e de todas as persoas superviventes.

Marián Ferreiro subliñou que “cada vela que acendemos e cada historia que recordamos fortalece o noso compromiso colectivo de non esquecer e de educar ás novas xeracións na dignidade, na igualdade e no respecto aos dereitos humanos”, reiterando o compromiso do Concello coa defensa da convivencia, da xustiza e dos valores democráticos. A alcaldesa concluíu lembrando que “a memoria é vida e a lembranza compromiso”, e insistiu en que a loita contra o odio, a intolerancia e a discriminación debe ser unha responsabilidade compartida por toda a cidadanía.

O alumnado do IES As Telleiras visitou previamente ao acto a exposición “Galegos en Mauthausen”, unha mostra composta por corenta imaxes e diverso material documental que testemuñan as duras condicións de vida no campo de concentración.

A exposición pode visitarse ata este sábado, 31 de xaneiro, na sala de exposicións da Biblioteca Municipal, situada na planta soto, en horario de luns a venres, de 17:00 a 20:00 horas, e os sábados, de 10:00 a 13:00 horas. Ademais, ofrécese a posibilidade de concertar visitas guiadas grupais con persoal da AMHD a través do teléfono 981 382 173, e este xoves 29 de  xaneiro ás 18:30 horas celebrarase unha visita guiada aberta ao público xeral, para a que será necesaria inscrición previa na biblioteca.

Lea también

Narón mantén aberta unha bolsa de emprego para Técnico/a de Prevención de Riscos Laborais

O Concello de Narón mantén aberta unha bolsa de emprego para cubrir postos de Técnico/a …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *