Psoe Ferrol solicita a posta en marcha dun Plan de Prevención e Control de Especies Invasoras no rural

O grupo municipal socialista expresa a través du comunicado que «nos últimos anos vén detectándose un incremento significativo de especies vexetais invasoras no termo municipal de Ferrol e na súa comarca, especialmente en zonas rurais, marxes de camiños, ribeiras, marismas, taludes e espazos próximos a vivendas e xardíns».

«Entre os novos focos destaca a presenza de Helichrysum petiolare en áreas costeiras e contornos próximos a núcleos habitados. A esta especie súmanse outras xa amplamente estendidas e coñecidas polo seu alto impacto ambiental, como o plumero da pampa (Cortaderia selloana), a cana común (Arundo donax), a chilca (Baccharis halimifolia), a Fallopia ou polígono xaponés, así como diversas especies invasoras acuáticas en zonas húmidas».

«Estas plantas invasoras supoñen unha grave ameaza para os ecosistemas locais ao desprazaren a flora autóctona, reducindo a biodiversidade e alterando os hábitats naturais. Ademais, algunhas delas incrementan notablemente o risco de incendios forestais, colonizan marxes de estradas, pistas forestais e fincas agrícolas, e dificultan as tarefas de mantemento, limpeza e rexeneración natural do territorio».

«A súa expansión está favorecida pola ausencia de control sistemático, polo uso ornamental dalgunhas especies e pola falta de información e coordinación entre administracións e usuarios do territorio. O control efectivo require actuacións continuadas no tempo, baseadas en criterios técnicos, prevención, formación e implicación social, así como a restauración posterior con especies propias do país».

«Por todo isto, resulta necesario que o Concello de Ferrol impulse un Plan Específico para a Zona Rural que permita a detección temperá, a erradicación progresiva, a prevención da dispersión e a recuperación ambiental das áreas afectadas, en coordinación coa Xunta de Galicia e co tecido social do rural».

ACORDOS. O Pleno do Concello de Ferrol acorda:
1. «Elaborar un inventario e mapeo dos principais focos de especies invasoras no ámbito rural, incluíndo camiños, regatos, marxes, taludes, fincas e zonas de especial sensibilidade ambiental».

2. «Desenvolver actuacións piloto por parroquias, priorizando os focos temperáns e aqueles que supoñan maior risco ambiental, de seguridade ou de propagación».

3. «Impulsar xornadas de divulgación e sensibilización veciñal para a identificación de especies invasoras e a súa diferenciación das especies autóctonas».

4. «Ofrecer formación específica a agricultores, gandeiros e comunidades de montes sobre métodos de control, bioseguridade, xestión de restos vexetais e prevención da dispersión»

5. «Establecer mecanismos de coordinación coa Xunta de Galicia para actuacións conxuntas en dominio público, ríos, marismas, estradas e montes».

6. «Aprobar un plan de seguimento anual durante un período mínimo de dous a tres anos, que permita avaliar rebrotes, evolución dos focos e eficacia das medidas adoptadas».

7. «Promover a revegetación activa das zonas tratadas con especies autóctonas (breixos, toxos, gramíneas e outras propias do territorio) para evitar a recolonización e reforzar a resiliencia dos ecosistemas».

8. «Desaconsellar o uso ornamental de especies catalogadas como invasoras e fomentar a substitución por especies nativas nos xardíns e espazos verdes».

9. «Garantir unha xestión segura dos restos vexetais procedentes das actuacións, prohibindo o seu compostaxe e asegurando a súa retirada en condicións que eviten a propagación».

Lea también

El BNG entrega más de 1.500 firmas para exigir gestión pública en la residencia de mayores del Bertón

El BNG ha presentado este viernes más de 1.500 firmas en Ferrol para reclamar que …