A Universidade da Coruña reforza a súa Rede de Entidades UDC Saudable coa promoción da saúde e o benestar da sociedade

A Universidade da Coruña celebrou na mañá deste xoves a reunión anual da Rede de Entidades Externas UDC Saudable, un encontro estratéxico que contou cunha ampla representación das 42 entidades sanitarias, socio-sanitarias e sociais que integran actualmente a rede. A elevada participación pon de manifesto a consolidación de UDC Saudable como espazo de coordinación, diálogo e acción compartida en materia de promoción da saúde, o benestar e a calidade de vida das persoas. O acto contou coa participación da vicerreitora do Campus Industrial de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares Pernas e o director de UDC Saudable, Sergio Santos del Riego.

Ana Ares deu a benvida ás entidades de recente incorporación á Rede e aproveitou para destacar “o papel estratéxico das alianzas con entidades, empresas e institucións como elemento clave para ampliar o impacto social das accións desenvolvidas desde a Universidade da Coruña”.

Pola súa banda, Sergio Santos destacou que “UDC Saudable é, por riba de todo, un proxecto compartido no que Universidade, entidades e institucións camiñan xuntas para que a promoción da saúde deixe de ser un discurso para converterse nun impacto real na vida das persoas”.

Durante a reunión abordouse o marco estratéxico no que se insire UDC Saudable, en coherencia co Plan Estratéxico da UDC 2022–2026 e co Plan de Vida Saudable e Benestar 2025–2030, así como a importancia da dimensión
internacional e do traballo en rede a diferentes niveis. Neste contexto, nos vindeiros meses avanzarase na consolidación da Unidade UDC Saudable de Vida Saudable e Benestar, chamada a converterse nunha estrutura para a coordinación e continuidade do proxecto.

Balance de UDC Saudable 2025

O ano 2025 estivo marcado pola consolidación dun modelo de traballo ordenado, viable e orientado ao impacto real. As 124 accións que tiveron lugar o pasado ano desenvolvéronse atendendo a diversos eixos prioritarios, con
especial atención á alimentación saudable e sostible, que con 34 accións concentraron a maior parte da actividade. Outras 26 versaron sobre as adiccións químicas e comportamentais, 23 estiveron relacionadas co benestar e a saúde mental, 15 cos estilos de vida, 14 foron acción do ámbito das políticas institucionais, 20 no eido da gobernanza e redes e 12 tiveron que ver coa comunicación e a visibilidade.

Os eixos de actuación foron;
– Prevención e afrontamento, con programas e accións centradas nas adiccións, as habilidades para a vida, a educación afectivo-sexual, a doazón de sangue e medula ósea e a presenza continuada en centros universitarios en
colaboración con entidades sociais.
– Alimentación e nutrición, cunha ampla programación de conferencias, materiais divulgativos, microvídeos, exposicións e mesas informativas, así como o impulso da Escola de Alimentación UDC Saudable e dunha newsletter
temática coa participación activa das entidades da rede.
– Mulleres e saúde, a través de iniciativas específicas dentro do programa “6 meses, 6 causas”, que visibilizan problemáticas concretas e fomentan o coñecemento e a sensibilización, como ciclos divulgativos e actividades
culturais asociadas.
– Ocupacións e vida diaria, abordando cuestións como as rutinas saudables, a accesibilidade, a xestión do tempo, a desconexión dixital, a transición ocupacional e a contribución aos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable.
– Comunicación, coa aposta pola nova páxina web UDC Saudable como eixo transversal de difusión e pola produción de contidos audiovisuais adaptados a distintos públicos.
– Proxección social, mediante programas como Campus sen Fume, a colaboración co Concello da Coruña en feiras e actividades comunitarias, o ciclo de conferencias “Voz de Pacientes” na sede da Real Academia de Medicina de Galicia, a participación en redes autonómicas, estatais e internacionais de universidades promotoras da saúde e a implicación en iniciativas como One Health.

Este conxunto de accións permitiu avanzar cara a un modelo máis coherente, con menor dispersión e maior visibilidade, reforzando o papel da Universidade da Coruña como axente activo na promoción da saúde.

Liñas xerais para 2026

De cara a 2026 o obxectivo é continuar con esta senda de consolidación, afondando nunha planificación integrada e unha maior coordinación coas entidades da rede. Entre as liñas xerais, destacarán o desenvolvemento dunha páxina web de UDC Saudable á cidadanía, o fortalecemento das alianzas institucionais e sanitarias, a expansión das accións comunitarias máis alá do ámbito universitario e o reforzo da avaliación e da calidade das intervencións.

O obxectivo común é seguir avanzando cara a un proxecto compartido, sostible e con impacto social, baseado na colaboración, o coñecemento e o compromiso coa saúde e o benestar das persoas.

Lea también

A Politécnica de Enxeñaría de Ferrol organiza unha nova xornada de portas abertas para alumnado de BACH e de FP

A Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) organiza, en colaboración co Campus Industrial da …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *