Os Mércores de Cine de Narón abren 2026 cun ciclo dedicado ao cinema español camiño dos Goya

O Cineclube Serie B Cidade de Narón pon en marcha o primeiro ciclo dos Mércores de Cine deste ano cunha programación dedicada ao cinema español, coincidindo coa celebración da 40ª edición dos Premios Goya, que terá lugar o próximo 28 de febreiro no Auditori Fòrum de Barcelona.
 
 
Na presentación do ciclo participaron a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e o presidente do Cineclube Serie B, Alberto Pena, que coincidiron en subliñar o valor desta proposta cultural, que ofrece ao público a posibilidade de ver de balde, antes da gala dos Goya, algúns dos filmes con máis candidaturas desta edición.
 
A programación inclúe catro longametraxes, dúas delas con marcado selo galego, que optan a facerse con estatuíña e que amosan a diversidade e o bo momento do cinema estatal.
 
As proxeccións celebraranse todos os mércores de febreiro no Pazo da Cultura de Narón, con entrada gratuíta ata completar aforo.
 
A programación abre o próximo día 4 de febreiro con Romería, de Carla Simón, un filme rodado en Galicia no que a directora continúa a súa exploración da memoria, da identidade e dos vínculos familiares desde unha ollada íntima e persoal.
 
A película está proposta para seis Premios Goya, incluíndo as categorías de mellor dirección e mellor guión, consolidando a Simón como unha das cineastas clave do panorama español contemporáneo.
 
O 11 de febreiro proxectarase Sirat, de Oliver Laxe, unha produción de marcado carácter autoral e espiritual, tamén con selo galego, que se sitúa entre as grandes favoritas da tempada.
 
O filme opta a once premios Goya e atópase ademais na carreira internacional cara aos Óscar, ampliando a proxección internacional do cinema galego.
 
O 18 de febreiro será a quenda de Sorda, dirixida por Eva Libertad, unha das revelacións do ano polo seu enfoque social e humano arredor da discapacidade auditiva e das barreiras na comunicación.
 
A película conta con sete candidaturas aos Premios Goya, que recoñecen tanto o seu valor artístico como interpretativo e entre as que se inclúe a de mellor dirección nobel. O ciclo pecha o 25 de febreiro co documental Flores para Antonio, de Elena Molina e Isaki Lacuesta, unha emotiva aproximación á figura de Antonio Flores a través da memoria familiar, a música e o arquivo.
 
O filme opta a dous Premios Goya, a mellor documental e mellor canción orixinal. Con este novo ciclo, organizado en colaboración co Concello de Narón, o Padroado da Cultura, a Federación de Cineclubes de Galicia e a Xunta, os Mércores de Cine reforzan o seu compromiso coa difusión do cinema de actualidade e calidade, achegando ao público de Narón algúns dos títulos máis relevantes da tempada cinematográfica española ás portas da gran cita dos Premios Goya.

Lea también

Narón reúne seis corais no seu primeiro gran encontro musical no Auditorio Municipal

O Auditorio Municipal de Narón acolle este sábado 25 de abril, a partir das 17:00 …