A Deputación da Coruña destina este ano máis de 2,3M€ para a mellora do sector turístico

A liña de subvencións vai dirixida a entes de xestión, asociacións, mancomunidades e consorcios turísticos, que poderán presentar as solicitudes entre o 22 de xaneiro e o 16 de febreiro. O vicepresidente e titular de Turismo, Xosé Regueira, destaca  que as axudas «facilitarán a promoción dos oito xeodestinos da provincia cun turismo de calidade, sempre apostando pola colaboración público-privada e sectorial para contribuír á competitividade e á innovación»

O programa DP0030 da Deputación da Coruña, destinado ao financiamento das actividades que, en materia de calidade, competitividade, organización de eventos e iniciativas turísticas, realicen en 2026 os entes de xestión, asociacións, mancomunidades e consorcios de turismo, terá un orzamento de máis de 2,3 millóns de euros.

Entre o 22 de xaneiro e o 16 de febreiro estará aberto o prazo de presentación de solicitudes, que deberán tramitarse por vía telemática, a través da plataforma SUBTEL, accesíbel desde a sede electrónica da Deputación.

A administración provincial convoca esta liña de subvencións como parte da súa política de apoio a entidades locais, supramunicipais, asociativas e mixtas para o fomento da creación de produtos turísticos, mellora da difusión e posicionamento turístico do territorio, fomento da profesionalización no sector e avances na calidade deste segmento de mercado, co financiamento de áreas coma a formación, o deseño de plans ou o desenvolvemento de actividades.

O vicepresidente e titular de Turismo, Xosé Regueira, destaca  que as axudas «facilitarán a promoción dos oito xeodestinos da provincia cun turismo de calidade, sempre apostando pola colaboración público-privada e sectorial para contribuír á competitividade e á innovación». «Tamén», explica, «queremos favorecer a implantación e desenvolvemento de proxectos europeos de economía azul para potenciar o turismo náutico sustentábel, nun litoral coma o da provincia da Coruña que conta con 956 quilómetros de costa».

Alén disto, o programa permitirá, segundo Regueira, «seguir dándolle impulso á gastronomía como recurso turístico, organizando eventos diferenciadores e creando produtos innovadores, e atendendo sempre á sostibilidade ambiental e á xeración de emprego no rural».

As bases da convocatoria está publicadas no BOP do 13 de xaneiro.

Lea también

El Casino Ferrolano, protagonista de la primera de la «Rutas Culturais» de la UDC

  El área de Cultura de la Universidade da Coruña (UDC) inicia, el próximo sábado …