O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o presidente da Asociación de Persoas Adictas e Familiares ADIANTE de As Pontes, Roberto Fernández Castro, asinaron un convenio de colaboración para o financiamento do proxecto de prevención familiar “En familia, tod@s contan”.
A través deste acordo, a Deputación da Coruña achega 7.097 euros, o que supón o 75 % do orzamento total do proxecto, cun investimento global de 9.463 euros. A iniciativa está dirixida a familias en situación de vulnerabilidade fronte ao consumo de substancias aditivas.
O proxecto ten como obxectivo reducir os factores de risco e reforzar os factores de protección no ámbito familiar, dotando a pais, nais e titores legais de ferramentas para mellorar a comunicación, a supervisión parental, a xestión de conflitos e as habilidades educativas, contribuíndo así á prevención das adiccións.
“En familia, tod@s contan” baséase nun modelo de intervención biopsicosocial e combina sesións grupais —oito encontros formativos de tres horas— con atención individualizada a través de profesionais da psicoloxía e da educación social. Estímase a participación directa de 12 persoas nas sesións grupais e arredor de 24 persoas nas intervencións individualizadas.
A Asociación ADIANTE, con sede nas Pontes e 36 anos de traxectoria, é unha entidade declarada de utilidade pública que traballa na atención, rehabilitación e prevención das adiccións desde unha perspectiva integral. Actualmente atende persoas e familias de diversos concellos da comarca e da provincia da Coruña, en coordinación cos servizos sanitarios, sociais e educativos.
Desde a entidade destacan que o apoio da Deputación da Coruña “é fundamental para garantir a continuidade de programas preventivos dirixidos ás familias, un eido clave para actuar de maneira temperá fronte ás condutas aditivas e promover contornas familiares máis saudables”.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.

