A Deputación da Coruña edita “Ese Uni” con imaxes da histórica tempada europea do Baxi Ferrol

O deputado de Deportes, Antonio Leira, presentou o libro acompañado do autor, Eduardo Hermida, e o presidente do Baxi Ferrol, Santiago Rey.

O deputado de Deportes da Deputación da Coruña, Antonio Leira, o presidente do Baxi Ferrol, Santiago Rey, e o impulsor do proxecto e autor das fotografías que ilustran a obra, o artista Eduardo Hermida, presentaron en Ferrol o libro “Ese Uni”, unha publicación editada pola Imprenta Provincial que recolle en textos e imaxes a extraordinaria pasada tempada do Baxi Ferrol.

O libro repasa un ano histórico para o club ferrolán, que culminou coa clasificación do equipo como subcampión da EuroCup Women, levando o nome de Ferrol, da provincia da Coruña e de Galicia ao máis alto do baloncesto feminino europeo. A través dunha coidada selección de fotografías e contidos, “Ese Uni” converte esa fazaña deportiva nun relato visual que reflicte o esforzo colectivo, a paixón e o compromiso dun proxecto que conseguiu ilusionar a toda unha cidade.

Durante a presentación, Antonio Leira destacou a importancia de preservar a memoria dos grandes fitos deportivos da provincia e subliñou que o Baxi Ferrol “é un exemplo de como o deporte feminino pode xerar identidade, orgullo e ilusión. Sintome afortunado e orgulloso de ter vivido algúns partidos e momentos memorables, que me desmostraron que o Baxi é moito máis que un equipo”, afirmou.

Pola súa banda, Santiago Rey puxo en valor o traballo das xogadoras, do corpo técnico e de todas as persoas que forman parte do club, lembrando que esta tempada marcou un antes e un despois na historia do Baxi Ferrol: “É un libro para gardar, con fotos de artista, cunha visión diferente”, afirmou o presidente do club, que agradeceu a colaboración de Hermida neste tempo no que formou parte da directiva do club.

O autor das imaxes, Eduardo Hermida, explicou a conexión entre arte e deporte que o inspirou para este proxecto e destacou que “o libro é tamén unha homenaxe a Lino, ao que quero agradecer estes anos”.  “Atopei no Baxi unha gran familia”, afirmou o artista nun emocionado dicurso plagado de agredecementos.

As páxinas do libro reflicten a emoción das gradas da Malata, a intensidade da competición europea e o vínculo especial que conecta ao equipo e a cidade.

“Ese Uni” nace como unha homenaxe a un ano inesquecible e como testemuño dun proxecto deportivo que transcendeu a pista da Malata para converterse nun símbolo de superación, orgullo e inspiración para Ferrol e para o conxunto do deporte feminino galego.

Lea también

La Frouxeira, Valdoviño, acoge una jornada de convivencia de fútbol playa de la RFGF

La inscripción está abierta para jugadores federados desde categoría prebenjamín hasta juvenil, y la iniciativa …