Ultímase a competición da I Copa da Deputación da Coruña de Baile Deportivo

A inscrición continúa aberta ata este venres, 5 de decembro. No elenco de participantes hai deportistas de toda España e tamén de Portugal, destacando presencias de parellas e grupos que foron campións do mundo nas súas respectivas modalidades.

A Deputación da Coruña celebra o sábado 13 de decembro, a I Copa Deputación da Coruña de Baile Deportivo: Latinos e Danza Coreográfica, que terá lugar no pazo dos Deportes de Riazor. Trátase dunha competición oficial que se desenvolverá baixo o regulamento vixente da Federación Española de Baile Deportivo (FEBD) e que reunirá a deportistas federados das categorías xuvenil, júnior, youth, adulto e sénior, tanto en parellas como en single e grupos de danza coreográfica.

A institución provincial destaca que a incorporación desta disciplina ao calendario deportivo supón un paso máis na aposta por dar visibilidade e apoio a deportes minoritarios, ampliando o alcance da Copa Deputación a novas modalidades que contan cunha crecente participación e seguimento. O deputado de Deportes, Antonio Leira, subliñou que “a Deputación quere abrir espazos a todos os deportes, tamén aos menos coñecidos, garantindo que teñan a mesma oportunidade de medrar, chegar ao público e consolidarse no tempo”.

A competición contará cun panel de sete xuíces encargados de avaliar as coreografías conforme ao sistema skating nas categorías de parellas e single, e ao sistema AJS adaptado para a danza coreográfica. A Copa será puntuable para o ránking nacional e aplicarase unha escala de valoración entre 3 e 8 puntos, con intervalos de 0,25.

As inscricións, gratuítas para todos os participantes, realizaranse a través da plataforma Pasos Baile Galicia ata o 5 de decembro, e a música das coreografías deberá remitirse antes do peche do prazo.

Sandra García, organizadora da competición e xerente da Escola de Danza UPA Un Paso Adelante de Narón, destacou o papel decisivo da Deputación na posta en marcha desta iniciativa. “A Deputación apoiou dende o primeiro momento esta proposta, sobre todo co obxectivo de dar visibilidade a deportes minoritarios. É un deporte máis descoñecido, pero iso non quere dicir que non haxa moita xente que o practique”. García subliñou tamén a relevancia de que a participación sexa gratuíta: “Neste tipo de eventos, o deportista paga por competir e o público paga entradas. A gratuidade é unha motivación extra e pode axudar a dar a coñecer este deporte a outro tipo de público”.

En canto ás expectativas de asistencia, a organización agarda reunir entre 250 e 300 deportistas, procedentes maioritariamente de Galicia, así como doutras comunidades de España e tamén de Portugal. “A parte máis importante é expoñer este deporte a un público que, ao velo, poida decidir apuntarse a unha escola de danza e empezar a practicalo”, explicou García, quen tamén salientou que a competición reunirá deportistas de alto nivel, incluídos campións do mundo nas súas modalidades.

Lea también

250 deportistas participan en Ferrol en la IX edición ciclocross Val de Esmelle

El concejal de Deportes, Ricardo Aldrey, el presidente de la Federación Galega de Ciclismo, Juan …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *