O programa, sen custo para as persoas participantes e aberto a 13 países, ofrece formación sobre competencias emprendedoras.
A Universidade da Coruña participa un ano máis no programa Santander X Explorer, na súa XXII edición. A iniciativa, creada polo Banco Santander, está dirixida a fomentar o emprendemento nas súas etapas máis temperás e apoiando a validación de ideas co fin de comprobar se poden converterse en proxectos rendibles e solucións innovadoras.
Trátase dun proxecto destinado a emprendedores e emprendedoras de 13 países (Alemaña, Arxentina, Brasil, Chile, Colombia, México, Estados Unidos, España, Paraguai, Perú, Portugal, Reino Unido e Uruguai). As ferramentas que se lles ofrecen son a formación en liña coa metodoloxía “learning by doing”, a validación das súas ideas de negocio e o desenvolvemento de habilidades para transformar proxectos en solucións viables e rendibles.
Ao longo de 12 semanas, asistirán a sesións de resolución de dúbidas con persoas expertas, a sesións de traballo co resto de compañeiros e compañeiras, e a charlas sobre emprendemento con persoas que fundaron empresas emerxentes (startups) e figuras de relevancia internacional. Outro aspecto destacable deste programa é a ampla comunidade internacional que se foi formando, a cal non deixa de medrar edición tras edición, e moitas das persoas integrantes coinciden en sinalala como un dos principais activos desta experiencia.
Alimentando o emprendemento e o tecido empresarial
Un ano máis, o programa na Universidade da Coruña é coordinado desde a Vicerreitoría de Estudantes e Empregabilidade en colaboración co Campus Industrial de Ferrol. Ao longo destas once edicións, o programa impulsou numerosas ideas de negocio xurdidas desde o estudantado da UDC, hoxe en día moitas delas en marcha, contribuíndo ao desenvolvemento do tecido empresarial da nosa contorna.
Juan Tadeo, hoxe alumno da UDC, pero estudante de cuarto curso de Ciencias Empresariais cando participou neste programa, comenta que “o meu proxecto evolucionou desde unha consultaría en liña (BMG) ata o Forensic Whispering, unha ferramenta de auditoría preditiva para previr fraudes empresariais”. Sinala que se inscribiu no Santander X Explorer para aprender sobre emprendemento e comprender a estrutura do mundo empresarial, e que o máis valioso foron a mentorización, as técnicas de oratoria e liderado, e o intercambio de ideas con compañeiras e compañeiros que o impulsaron a crecer. “Hoxe síntome máis preparado como emprendedor e logrei publicar a miña liña de emprendemento, o que me motiva a seguir innovando.”
Unha das persoas mentoras, Miguel Frías, comenta tamén que se sumou ao programa como mentor para poñer a súa experiencia ao servizo de quen comeza, aportando máis de 40 anos de experiencia na xestión de persoas e proxectos innovadores, ofrecéndolles acompañamento, perspectiva e unha metodoloxía baseada en situacións reais. “Observei como as actividades do programa Explorer abren novos enfoques, estimulan a creatividade e, en moitos casos, reforzan e consolidan os proxectos cos que o alumnado comeza. Creo firmemente que só quen persevera converte os seus soños en realidades de futuro. Como sempre digo: se queres que che toque a lotaría, compra o décimo.” Afirma Miguel.
O prazo de inscrición remata o día 2 de decembro e pode realizarse a través http://desta ligazón.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
