O Concello das Pontes foi recoñecido con tres flores de honra na gala anual de Vilas en Flor, programa que premia aos concellos galegos de menos de 40.000 habitantes polo seu esforzo na mellora e potenciación dos espazos verdes urbanos, a xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá.
O acto estivo encabezado por Enrique Sáez Ponte, presidente da Fundación Juana de Vega, quen destacou que “a través deste programa promocionamos a mellora dos espazos comúns nos que convivimos, polos que pasamos todos os días”.
O concelleiro de Medio, Manuel Rodríguez, manifestou a súa satisfacción polo recoñecemento e subliñou que “este galardón é froito do traballo continuado para mellorar os nosos espazos verdes, combinando coidado ambiental, participación cidadá e iniciativas educativas. Seguiremos traballando para manter e ampliar este nivel de calidade nos nosos xardíns e parques urbanos, facendo de As Pontes un municipio máis sostible e amable para todas e todos”.
A obtención de tres flores sitúa a As Pontes nunha posición destacada dentro do programa, recoñecendo o esforzo do Concello por ofrecer espazos públicos de calidade, accesibles e agradables, tanto para a veciñanza como para as persoas visitantes. Este galardón supón un impulso para seguir avanzando na creación e mantemento de espazos
verdes que melloren a calidade de vida da cidadanía e promovan a conciencia ambiental no municipio.
O Concello das Pontes quere trasladar o seu agradecemento ao persoal municipal e ao alumnado do Obradoiro de Emprego de Xardinería, cuxo compromiso, dedicación e profesionalidade resultaron fundamentais para acadar este recoñecemento. Grazas ao seu traballo na conservación e mellora dos espazos verdes do municipio, contribuíron de xeito decisivo a que As Pontes manteña e amplíe uns espazos públicos de calidade, accesibles e sostibles, en beneficio da veciñanza e das persoas visitantes.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
