A Deputación da Coruña colabora nas actividades do 40 aniversario do Museo Etnográfico Monte Caxado

As actividades inclúen unha publicación conmemorativa do 40 aniversario do museo e un proxecto para a recuperación e difusión de gravacións audiovisuais dos anos 80 e 90.

Valentín González Formoso, e o presidente do padroado do Museo Etnográfico Monte Caxado, José María López Ferro

O presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, e o presidente do padroado do Museo Etnográfico Monte Caxado, José María López Ferro, asinaron o convenio de colaboración polo que a institución provincial apoiará economicamente o programa de actividades co que o centro celebra o seu 40 aniversario.

A achega da Deputación ascende a 15.538 euros, o que supón o 80 % do orzamento total previsto, que se sitúa en 19.423 euros. O convenio permitirá desenvolver un completo programa baixo o lema “40 aniversario do Museo Etnográfico Monte Caxado: memoria, patrimonio e comunidade”, centrado na conservación, divulgación e posta en valor da memoria colectiva das Pontes e da comarca do Eume.

Tras o acto, Formoso destacou que “o Museo Etnográfico Monte Caxado é un exemplo de como a defensa do patrimonio nace moitas veces do compromiso da xente e da comunidade educativa, e remata converténdose nun proxecto cultural de referencia para todo un territorio”. Neste sentido, subliñou que “desde a Deputación temos a obriga de apoiar iniciativas que preservan a memoria, fortalecen a identidade local e fan da cultura unha ferramenta de cohesión social”.

Formoso destacou os “corenta anos de traballo rigoroso e profundamente ligado á historia recente das Pontes”, un concello que viviu intensos procesos de transformación asociados á industrialización e á explotación mineira.

O Museo Etnográfico Monte Caxado naceu en 1985 no Colexio Público Monte Caxado por iniciativa do mestre José María López Ferro, nun momento no que moito do patrimonio material e inmaterial das aldeas da contorna estaba en risco de desaparecer. Catro décadas despois, o museo conta cun fondo que supera os 5.000 obxectos, 4.000 fotografías antigas e 4.000 documentos, converténdose nun verdadeiro arquivo da memoria local. Desde 2015, a súa continuidade está garantida a través da Fundación Museo Etnográfico Monte Caxado, recoñecida como entidade de interese cultural e galego pola Xunta de Galicia.

O convenio asinado permitirá financiar dúas grandes liñas de actuación. A primeira delas é a edición dunha publicación especial conmemorativa do 40 aniversario, que recollerá a historia, evolución e impacto do museo ao longo destas catro décadas. O volume, realizado por José María López Ferro e cun prólogo do museólogo Felipe Senén, editarase cunha tirada de 3.000 exemplares e integrarase na colección Cadernos do MEMC, consolidada como referente na divulgación da memoria etnográfica da comarca.

A segunda actuación céntrase na edición, conservación e difusión do fondo audiovisual do museo, composto por gravacións en formato VHS das décadas de 1980 e 1990 doadas pola veciñanza. Este material documenta festas, feiras, actos culturais, eventos institucionais e a vida social das Pontes durante un período clave da súa historia recente. O proxecto inclúe a edición e mellora técnica dos vídeos, a súa catalogación e a publicación progresiva nunha canle aberta, co obxectivo de garantir o acceso público e a conservación a longo prazo deste patrimonio audiovisual.

Para o presidente da Deputación, “este proxecto exemplifica á perfección o que entendemos por cultura pública: conservar o pasado, facelo accesible no presente e transmitilo ás futuras xeracións”. Engadiu tamén que “o 40 aniversario do Museo Monte Caxado é unha oportunidade para agradecer á veciñanza das Pontes a súa implicación e xenerosidade, porque sen as súas doazóns e colaboracións este museo non existiría”.

Pola súa banda, o presidente do padroado do Museo salientou a importancia de que as administracións colaboren para garantir a continuidade de proxectos culturais que nacen desde o local pero teñen un valor patrimonial que transcende o ámbito municipal.

O acto de sinatura do convenio tivo lugar nas instalacións do museo, simbolizando o compromiso compartido entre a Deputación da Coruña, o Concello das Pontes e a Fundación Museo Etnográfico Monte Caxado coa preservación da memoria, do patrimonio e da identidade cultural da comarca do Eume.

 

Lea también

El futuro Museo de Ferrol da un paso adelante con el inminente inicio de las obras en el Torrente Ballester

El Concello de Ferrol ha dado un nuevo paso para hacer realidad el futuro Museo …